Sande puido recrear a malla do centeo malia a choiva e o xabaril

Maite Rodríguez Vázquez
maite rodríguez OURENSE / LA VOZ

ALLARIZ

Allariz festexa o terceiro día consecutivo da Festa da Empanada

20 ago 2023 . Actualizado a las 23:12 h.

A chuvia non botou atrás aos veciños de Sande (Cartelle), que celebraron a segunda edición da Festa da Malla. Si houbo menos afluencia de visitantes que o ano pasado, recoñecían desde a organización, precisamente debido a climatoloxía, pero o festexo mantivo a recreación da malla tradicional do centeo e do trigo, con seis malladores e xente maior explicando con seu exemplo como se facía este traballo comunitario. Malia o xabaril, que estragou unha finca completa que os veciños sementaran con centeo, finalmente púidose facer unha boa malla pois un coñecido cedeu o seu centeo, que se sumou ao sementado noutra leira que non fora atacada.

Despois da recreación da malla, comezou a comida popular, de chourizos con pan e touciño elaborados co porquiño que criaron os da asociación cultural, con remolacha e outros produtos cedidos por un veciño. Da festa da malla aproveitan a palla para facerlle a cama ao porco e algo de centeo que sobra para alimentalo, explicou Mónica Vázquez. Xuntáronse 60 persoas para comer e houbo música de gaitas. Nos días pasados, os nenos puideron gozar e participar dun obradoiro de cociña creativa, de sesións de cine e de xogos. A festa terá continuidade, din; só terán que ter máis coidado co xabaril.

Noutro pobo de Cartelle, en Santa Baia de Anfeoz, hai hoxe domingo unha actividade ben diferente, pero que tamén busca dinamizar a zona rural. Organizan a primeira feira de antigüidades, coleccionismo e artesanía. Instalaranse uns 20 postos no campo de fútbol, con presenza de anticuarios, numismáticos e artesáns vindos de Portugal ou A Coruña, entre outras procedencias. Rui Martínez, organizador desta primeira feira, dedícase ao coleccionismo e pretende darlle periodicidade trimestral e celebrar outra no outono e un mercado de Nadal. A de hoxe poderase visitar de 10.00 a 19.00 horas. Para que os cativos non se aburran, o organizador facilitaralles pistolas de auga e globos para xogaren. Pola mañá haberá polbo.

Máis empanada en Allariz

En Allariz teñen hoxe o terceiro e derradeiro día de celebración da Festa da Empanada. Onte á noitiña foi a degustación, e durante o día houbo deporte, o triatlón, e concertos. Neste domingo continúan as actividades. Haberá pasarrúas da Banda Unión Musical de Allariz, a regata de piragüismo, o desfile de xigantes e cabezudos (12.00 horas). Desde as 11.30 hai festa campestre no Campo de Vilanova, con churrasco e polbo durante todo o día. As 12.30 será a resolución do concurso de elaboración de empanadas feitas por afeccionados. Repártense 500 euros para gastar no comercio local. A festa continuará con música e fútbol amigable no campo do Seixo entre o CD Allariz en o Verín CF.