Bernardo Varela, presidente de Composta en Red: «A responsabilidade de reciclar é de cada un, pero as administracións teñen o deber de facilitala»
ALLARIZ
Unha coordinadora une a entidades, institucións e asociacións españolas na defensa da compostaxe individual e comunitaria
09 dic 2023 . Actualizado a las 05:00 h.O deputado provincial e edil de Medio Ambiente de Allariz é desde xuño o presidente de Composta en red, unha coordinadora de entidades locais de toda España que desenvuelven experiencias de compostaxe doméstica e comunitaria. A entidade naceu no 2008 para impulsar, fomentar e promover políticas públicas, dado o papel que a compostaxe pode desempeñar na redución dos residuos orgánicos. Máis dun cento de concellos, deputacións, mancomunidades e colectivos ambientais forman parte da coordinadora.
—Cal é obxectivo e prioritario de Composta en red?
—Promover e fomentar a compostaxe individual e comunitaria que tamén na Lei de Residuos do 2022 se ve como a opción máis razoable dende o punto de vista medio ambiental. Ter a opción de facer o tratamento in situ da materia orgánica, que ten máis sentido e un custe económico e medioambiental menor. En Allariz empezamos traballar neste senso no 2016, demos un paso importante en canto ós composteiros comunitarios e repartimos máis de seiscentos individuais.
—Ademais das diferente accións formativas, en colexios e cos veciños, de que maneira actúan cos organismos públicos?
—Facemos formacións específicas para persoal municipal e, por exemplo, temos grupos de traballo con responsables políticos para redactar unha ordenanza modelo para adaptarse á lei do 2022 que entre outros aspectos di que no 2025 hai que cumprir cunha serie de requisitos. A separación de residuos debe ser moito más selectiva. Temos que artellar métodos para que as empresas e os produtores individuais cumpran a lei. Temos unha serie de compromisos que marca a UE para o 2025, como que o 55 % dos nosos residuos se reciclen. No caso do estado español, isto está moi lonxe. Agora estamos pendentes de ter un interlocutor no goberno para levar nosas propostas.
—Cales son as principais?
—Temos exemplos de redución de materia orgánica en hostalería que demostran como se pode reducir e crear un sistema integral no que diminúe a materia orgánica. Eles fan o compost cos restos e entréganos ó labregos cos que traballan. Isto xa pasa nalgunhas cadeas hoteleiras en Menorca. Tamén se pode derivar a sección da materia orgánica ata o labrego. Que composten eles e se lles pague por facelo.
—Na asociación optan pola compostaxe fronte o contedor marrón. Cal é a razón?
—Entendemos que o contedor é unha boa opción sempre que non valga a outra. Hai cousas que nunha provincia como Ourense, con 92 concellos, non teñen sentido. O máis importante é a separación en orixe. Nunha cidade como Ourense é difícil facer compostaxe e o mellor é o contedor. Pero en zonas como Allariz, e en boa parte dos concellos da nosa provincia, non ten sentido. ¡Imaxina recollelo en núcleos de 92 concellos! Ó final teriamos camións recorrendo todos os días as parroquias. Sería economicamente inviable e insostible dende o punto de vista medioambiental. Non inventamos nada, falamos de facer o que se facía antes. Recoller os restos e que sirvan de abono para as hortas. O problema estaría nos grandes produtores, aqueles que teñen grandes fincas. Para eles habería que buscar unha solución.
—Ademais do papel das institucións, está o das empresas.
—Todos e cada un de nós somos responsables. As empresas terán o seu protagonismo. Por exemplo ¿que facemos cos colchóns? A lei tamén obriga a que máis pronto que tarde unha parte dos supermercados teñan sistemas que reduzan os envases. Os produtos a granel deben ocupar unha parte importante. Os cidadáns somos consumidores compulsivos de envases. Outra das cousas que se facían antes e se pode recuperar é o feito de devolvelos ós supermercados.
—O consumidor ten boa parte de responsabilidade.
—A responsabilidade de reciclar é nosa, pero as administracións teñen o deber de facilitala. Tamén cremos que debe crearse a figura do vixiante medioambiental. Todo o mundo di estar concienciado, todos saben onde teñen que ir os desperdicios, a que contedor, pero está claro que o sistema non funciona. E iso debe controlarse. Temos un planeta finito e todos e cada un de nós somos responsables de que teña unha certa marxe para a súa supervivencia. Cando falamos de residuos falamos de moitas cousas: de contaminación, de cambio climático, de custes económicos, de transporte... De moitas cousas que son importantes. Creo que a sociedade ten que dar canto antes un importante paso ó fronte e a través de Composta en red defendemos unha forma de facelo.