O xornalista, exdirector de EFE e da Casa de Galicia en Madrid, reafirma o seu compromiso coa provincia
10 nov 2019 . Actualizado a las 22:04 h.Alfonso Sobrado Palomares (Calvos de Randín, 1935) volve ao lugar do que non se foi para ser agasallado por toda unha traxectoria profesional como xornalista e escritor. Aínda que sempre estivo a desenvolver o seu traballo fóra de Galicia, en Madrid e Córdoba, nunca rachou a ligazón que o mantén unido ás terras do Couto Mixto e Ourense. Na súa ampla e dilatada carreira pasou de crear a axencia Radial Press, en 1963, a traballar como comentarista político internacional para varias cabeceiras -entre elas Cambio 16-, dirixir publicacións como Ciudadano, Posible e Leer, exercer como director da Axencia EFE, traballar no Grupo Zeta ou dirixir o diario Córdoba. E tamén tivo tempo para ser, entre outras cousas, director da Casa de Galicia en Madrid. No Principal recibirá este luns o Premio Ourensanía da Deputación.
-Como valora o recoñecemento?
-Cun agradecemento especial e con ledicia. É un galardón que me reafirma no compromiso que sempre tiven e que sigo tendo. Recibireino con entusiasmo, coma unha tatuaxe que vai tanto na pel como no sentimento.
-Na concesión do premio o xurado destacou a súa relación coa provincia.
-É certo que sempre mantiven un vencello constante e permanente. Aínda que estiven traballando fóra de Ourense ao longo da miña carreira profesional ía con frecuencia e a relación cos amigos, coa cidade e con Galicia sempre foi prioritaria para min. Esta distinción acéptoa como unha obriga.
-En que sentido?
-No de espallar todo o que poda a provincia e o noso potencial, que é moitísimo. Dicir agora que o temos todo para ser un lugar atractivo sería incidir no obvio, mais debemos promocionalo con máis entusiasmo e mellor para chegar a moita máis xente. No que poda, tamén me vou implicar nesa faceta. Temos unha riqueza espectacular no sector balneario e vou escribir sobre Termatalia, un reino máxico onde hai augas quentes, xenerosas e curativas. Iso si, non vou crear ningún título de Príncipe de Termatalia, seguro que hai labazadas para facer con el (ri).
-Que lembra do Calvos de Randín de hai anos?
-En xeral eran tempos de pobreza. Nacín na primeira aldea despois do Couto Mixto e daquela non había luz eléctrica e só tiñamos un boi para todo o pobo. Non entraban os coches, só había un camiño de carro, e vivías a natureza ao día: os nenos viamos cubrir o boi ás vacas, como parían as ovellas no monte, ou as burras na corte... era como a Alta Idade Media! E pasei daquelas experiencias á modernidade en pouco tempo.
-O cambio sería radical.
-E tanto. En relativamente poucos anos mudei de vivir nun pobo sen luz á postmodernidade dos medios de comunicación e o lanzamento do Hispasat. Foron etapas moi engaiolantes e fermosas; estaba todo por facer e foi apaixoante a adaptación do xornalismo e das tarefas informativas ás novas tecnoloxías.
-Unha biblioteca é un dos sinais de identidade dunha persoa. A doazón é unha volta á casa?
-Hai uns meses, oito ou así, que fixen a doazón de 8.000 libros ao Concello de Calvos de Randín. É unha forma de regresar a casa, estar presente nas terras do territorio do Couto Mixto e volver ás miñas orixes.
«Non vexo pulso ideolóxico en ningún dirixente para afrontar os retos deste país»
Dende a súa responsabilidade como director de EFE ou na súa faceta como experto en política internacional, Alfonso Sobrado Palomares foi testemuña de excepción de moitas das situacións que marcaron algúns dos momentos que pasaron á historia do século XX.
-Que opinión lle merece a actual situación política?
-Neste tempo as figuras da paisaxe internacional son lamentables. Dominou a burocracia e colouse e estase colando, por esa falta de talento de moitos dirixentes, a extrema dereita. Empezando polos Estados Unidos, con un tipo tan impresentable como Trump, e despois no Brasil con Bolsonaro, e volve o peronismo volve a Arxentina... E en Europa xa non hai líderes á altura de xente como Willy Brant, Jacques Delors ou Mitterrand. A de Europa foi a aventura máis importante, pero domina o comercio en lugar da política.
-De quen garda mellor recordo?
-De Ahmed Ben Bella, o que foi o primeiro presidente de Arxelia. Primeiro foi unha relación profesional e logo de amizade. Tamén teño un bo recordo de Arafat, aínda que era un personaxe contraditorio, que pasaba do optimismo ao pesimismo -ou ao revés- como se tal cousa. Fidel Castro foi unha decepción: o primeiro do mundo novo e o último do mundo vello. Foi unha ilusión e logo xa vimos o que había, e todos os intelectuais europeos lle retiraron o apoio.
-O peor momento?
-Na Cabilia (Argelia). Non quedaba habitación no hotel e durmín na casa de baños. Había revoltas e os disparos non pararon en toda a noite. Horroroso.
-Como ve aos políticos?
-Con tristeza. Non vexo pulso ideolóxico en ningún dirixente para afrontar os retos que ten pendentes o país. E está campando a ultradereita máis rancia.