A convivencia de infantil reuniu a preto dun milleiro de persoas no Barco de Valdeorras
30 may 2024 . Actualizado a las 19:27 h.Hai 25 anos, un grupo de mestres xuntáronse para promover una convivencia de infantil, pero unha grande, que reunise aos rapaces das comarcas de Valdeorras, Terras de Trives e de Viana. E crearon un par de mascotas, a pinguíña de auga Nela e o globo aerostático Cholo. Xurdiu unha cita que cada final de curso se convertía en toda unha festa reunindo a centos de rapaces e implicando tamén a mestres e pais. Unha celebración que co paso de tempo non perdeu pulo, e iso que non sempre se fixo. No 2012 houbo un parón en protesta polos recortes en educación e no 2020 chegou a pandemia e rachou con todo. Superado aquel momento, xurdiu de novo o bule bule de volver. «O certo é que Cholo e Nela caeron moi ben e a xente demandaba que volvera», conta Nacho Hermida, docente no CEIP Julio Gurriarán do Barco —centro anfitrión este ano— e un dos membros da asociación pro-convivencia de educación infantil. Hoxe, por fin, chegou o día.
Foi unha edición especial por varios motivos: cúmprense 25 anos do nacemento da asociación que argalla todo isto —«que somos entre seis e nove persoas que mobilizamos ao resto de titores», di Hermida—, porque era a volta despois de varios cursos e porque desta vez estiveron invitados tamén os rapaces de primeiro e segundo de primaria. O motivo estaba en que eles nunca viviron a convivencia. Contar con eles supuxo organizar unha edición multitudinaria, con case mil persoas. Por iso aínda que había máis coles interesados en sumarse, a organización decidiu que este ano só estarían os que participaron na última edición: os tres coles públicos do Barco de Valdeorras, os dous da Rúa, os dous de Carballeda de Valdeorras, o de Rubiá, o do Bolo, o de Vilariño de Conso, o da Pobra de Trives e o de Manzaneda.
Cholo e Nela xirou arredor dos camiños, «dos de ida e volta, do das estrelas, do de Inverno que pasa por Valdeorras», resume Hermida. Sempre coa idea subxacente de poñer en valor o galego, mais sen restarlle importancia a ningún outro idioma.