As actrices galegas de «Fariña» compartirán a súa experiencia no Curso de Medios Audiovisuais

La Voz OURENSE / LA VOZ

CELANOVA

Mariana Carballal, Isabel Naviera e Cristina Iglesias estarán en Celanova o día 4 de xullo

23 ene 2019 . Actualizado a las 20:43 h.

O Curso de Medios Audiovisuais de Celanova ultima as súas actividades cando queda unha semana para que comece a edición deste ano. Fundación Carlos Casares, Universidade de Vigo, Deputación de Ourense, Xunta e Concello de Celanova son as entidades implicadas no curso de verán que este ano se desenvolverá entre os días 3 e 6 de xullo no auditorio municipal.

Entre as propostas do Cemac 2018 haberá unha mesa redonda na que participarán as actrices galegas que contaron con papeis destacados na serie Fariña. A cita será o 4 de xullo, na sesión do mediodía, e na mesma estarán Mariana Carballal, Isabel Naveira e Cristina Iglesias. Carballal (Monterrei, 1962) interpretou na serie sobre o narcotráfico galego á muller de Terito. Isabel Naveira (A Coruña, 1975) converteuse na serie na filla de Manuel Charlín -Pilar- e Cristina Iglesias (A Coruña, 1993) deu vida a Leticia, a sobriña de Charlín.

 

Ademais de servir de punto de encontro para explicar a súa experiencia aos alumnos do Curso de Medios Audiovisuais de Celanova, a mesa redonda titulada As actrices galegas en Fariña servirá tamén para confrontar os diferentes puntos de vista destas mulleres que representan tres xeracións distintas de actrices de teatro, cine e televisión. Mariana Carballal compaxina a súa faceta como actriz coa de profesora da Facultade de Ciencias Sociais e Comunicación e a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia. Isabel Naveira ten participado en series de televisión -dende Mareas vivas a Serramoura, entre outras- e en películas como O lapis do carpinteiro.

 

 

 

 

Pola súa banda Cristina Iglesias, a máis nova, interpretou personaxes en Serramoura e Urxencia cero, antes de participar en Fariña. Desta serie tamén estará no Cemac Manuel Lourenzo, Terito na ficción televisiva.