Arrecende a mimosa no val de Monterrei. Digo que arrecende a primavera. As abas dos montes locen alfombra amarela. Para que ela, a primavera, desfile como raíña do tempo novo. Abren os agromos nas amendoeiras. E as xestas, tan bravas, estenden os seus brazos. Os seus abrazos. Dino, o noso mastín, parece máis contento. Pero segue sen levarse ben coa gata. É un misterio esta animadversión que se profesan. Non hai experto que sexa quen de resolver este inconveniente. Quizá algún día, cando menos se espere, brinquen xuntos e amantes sobre o esplendor da herba. Contemplando as acacias. Ten mala fama esta árbore orixinaria de Australia. Por invasora. Cegan a cantidade de luz no bosque. E a auga. Mesmo aseguran que altera a riqueza do solo. Os botánicos afirman que convén reducir a cantidade de mimosas. Porén, en calquera inverno, resulta grato contemplalas. Sentirse parte da súa beleza áurea. As mimosas alegran os ollos, que son a parte exterior (en brillo) da alma. Reconfortan entre as gotas de chuvia. Aderezan, con mel de queiruga, os campos fértiles de sol. Eu, desculpen a incorrección ecolóxica, amo as mimosas. E véndoas, levántome o ánimo. Quero dicir o que dixen arriba, e reitero, que arriba a primavera. Paso a paso. Lenta, pero exultante. Os magnolios comezan a cancelar o candado da súa flor. E un escoita o latexar da terra, vivo, revivido mil veces. Somos o eterno retorno do que falaban os clásicos. Todo regresa. Tras a escuridade haberá unha raiola iluminando Galicia. Iluminándonos. As mimosas, non podo evitalo, forman parte de Nós: en maiúscula. Somos seres apegados ao optimismo. Á certeza de que o horizonte, en alfombra amarela, só garda boaventura.