«Non queremos axudas, precisámolas»

María Páez

O BOLO

LOLITA VÁZQUEZ

A gandeira María Páez recolle nunha carta os problemas que sufre o sector en Viana pola seca

30 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Son unha gandeira e produtora de castañas do Concello de Viana do Bolo e tocoume a desgraza ou a virtude de meterme nun proxecto que moitas veces me pregunto se realmente faría ben ou se me confundín. Esa é a pregunta que oio retumbar dende hai uns meses na miña cabeza; pero cando de repente oio a moitos amigos e compañeiros gandeiros e apicultores dicir «non chove», «comprei herba», «vou ca cisterna a levar auga ás vacas», «fixen un pozo de barrena» ou cando oio a unha nena que di «o meu pai ten colmeas pero este ano non ten mel»... Penso na miña cabeza: Isto non pode estar pasando, hai que facer algo.

Eu, sempre positiva pensando en alto, digo: «Non vos preocupedes; téñennos que axudar, non poden deixar que isto desapareza. É o mellor que sabemos facer. Estamos no mellor sitio do mundo, facendo o que máis nos gusta; e temos dereito a vivir do noso traballo sen andar a dar pena e sen pedir esmola». Pero a realidade é que con esta seca estamos vendo como cada día o noso medio de vida está morrendo e de seguir así, as nosas explotacións corren o risco de arruinarse e desaparecer.

Estamos afectados moitos gandeiros e apicultores da montaña de Ourense Oriental, pero o problema que eu máis coñezo está nos concellos de Viana do Bolo, O Bolo, A Gudiña, A Mezquita, A Veiga e Vilariño de Conso.

As producións de centeo, herba, castaña e mel quedaron arrasadas en moitos dos casos por completo. Nas nosas leiras sementadas de centeo non recollemos nin unha terceira parte do que tiñamos que coller para alimentar o noso gando. Os nosos prados non deron a herba que tiñan que producir para alimentar os nosos animais. As nosas colmeas non deron o mel que tiñan que producir e inda por riba sufrimos un gasto de alimento debido a que as flores desapareceran coa xeada. Os nosos castiñeiros quedaron arrasados e non teñen os ourizos para producir as castañas que son un ingreso necesario nas nosas explotacións.

Grazas á xeada e á prolongada seca que levamos sufrindo nestas zonas, nos sectores do centeo, forraxe, castaña e colmeas a maior parte dos produtores quedamos sen colleita, con perdas superiores ao 80 %. Aproximadamente seremos 350 gandeiros e 50 apicultores.

Póñome a falar con compañeiros gandeiros e podo escribir o que me acaban de dicir: un gandeiro con 100 cabezas de vacún carne dime que leva gastado 4.000 quilos de tacos e 22.000 kg de palla; outro con 400 cabezas de ovino tivo que comprar 5.000 quilos de centeo e parte da forraxe que tiña reservada para o inverno xa lla deu de comer ás ovellas; outro con 90 leiteiras gastou 1.000 quilos de tacos coa recría e un rolo de silo cada día; coas que están en produción gasta un rolo de silo ao día e cambiou a fórmula do penso porque a herba non ten proteína...

As producións de forraxe deste ano son miserables; podendo falar de que un gandeiro que recolleu o ano pasado 1.300 rolos de forraxe, este ano tivo 342.

Póñome a falar con apicultores e cáeme a alma ao chan. Case non dou escrito o que me van dicindo. Un apicultor que recolle habitualmente, polas colmeas que ten, 40.000 quilos de mel, este ano recolle sendo optimistas 5.000. Estamos falando que unha colmea en situación normal pode dar 30 quilos e este ano para pasar dos 3 é difícil. Pregúntolle pola alimentación e dime que este ano puido gastar 5 quilos de alimento por colmea, cando nos anos de atrás non gastaba nada. Á vez dime, medio chorando, «nada máis que me deran algo para o alimento xa me conformaba». Tristes palabras dun rapaz de 24 anos que optou por quedar coas colmeas do seu pai e aumentar a explotación.

Ademais de todo isto, a maioría das explotacións destas zonas contaban cun ingreso extra: o das castañas, que na maioría dos casos este ano non vai ter ou vai ser moito menor. Podemos calcular unha media de 3.500 quilos de castañas por explotación nun ano normal.

E podería seguir escribindo e tería moitos máis exemplos, pero canso de trasladar desgrazas e máis desgrazas, todas elas reais e cunha historia; para que despois os que teñen que ver o que está pasando, aínda non se dignaron en reunirse cos afectados.

Os gandeiros e apicultores da montaña de Ourense oriental denunciamos o grave abandono que sofren as nosas explotacións. Estamos falando dunha zona diferente ao resto de Galicia en canto a clima, polo que son explotacións que necesitan un trato diferente en épocas nas que xeadas a destempo arrasan as nosas colleitas e unha seca prolongada (máis dun ano e medio que non chove de verdade), fai que se sequen mananciais e pozos e non teñamos moita das veces nin para darlle de beber aos animais, tendo que transportar a auga co custe económico que isto supón.

Sorpréndenos que na lexislatura cualificada como a do rural polo especial interese que se lle ía prestar, se esquezan os compromisos e se nos estean dando as costas á viabilidade das nosas explotacións. Señores, os concellos da montaña de Ourense oriental tamén somos Galicia!

Con urxencia débense habilitar solucións, xa, para estes sectores. Recordamos que nós non queremos axudas, senón que, pola contra, precisámolas!