As leccións poéticas de García Montero para a mocidade

x. f. REDACCIÓN / LA VOZ

VIANA DO BOLO

Medulia edita a versión galeguizada deste atípico ensaio

07 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A obra de Luis García Montero (Granada, 1958) segue a falar en galego. Despois da publicación da antoloxía O dono do derradeiro minuto (Tulipa), Medulia acaba de publicar a versión galeguizada de Leccións de poesía para nenas e nenos inquedos, un atípico manual pensado para introducir aos máis novos no eido da lírica e, sobre todo, aprenderlles a apreciar a maxia da palabra dende un punto de vista orixinal. Trátase dunha versión en galego, a cargo de Luciano Rodríguez (Viana do Bolo, 1951), mais á que lle acae ben a descrición de galeguizada, xa que o contido do libro foi adaptado para achegalo aos lectores galegos. De feito, a Rodríguez gústalle empregar o termo «transplantación» para referirse ao seu traballo, coa complicidade do propio García Montero, xa que concibe «toda tradución como un transplante».

Leccións de poesía para nenas e nenos inquedos pode entenderse como un manual non prescriptivo, senón como un estímulo creativo. Dende aprender a mirar a realidade e procesala con palabras, ata empregar as ferramentas propias da poesía, o libro é unha proposta para que quen o lea entre no xogo e faga seu o arte de versificar. Xa que logo, a galeguización da obra orixinal sitúase no ronsel desa intención, e achega os seus contidos aos hipotéticos lectores galegos. Estas Leccións inclúen, por exemplo, un poema de Xulio L. Valcárcel sobre a regata Cutty Sark, un dos nenos que se poñen como exemplo é Xoán de nome e na nómina de poetas galegos citados aparecen Rosalía de Castro, Aquilino Iglesia Alvariño, Álvaro Cunqueiro, Xosé Luís Méndez Ferrín e Xohana Torres.

Non son os únicos cambios que introduce a edición galega. García Montero publicou a obra por vez primeira en 1999, á que lle sucedeu a tradución ao catalán por Joan Margarit. A galega tiña que seguirlle pouco despois, pero distintos avatares retrasaron todos estes anos a súa aparición. Algúns contidos foron actualizados -a vitoria de España nun mundial de fútbol- e o ilustrador, Juan Vida, puido traballar en cor e achegar tres imaxes novas, como a derradeira, na que García Montero se despide en galego: «Adeus, deica logo».