Crónica | A Centoleira celebra este ano o seu 120 aniversario O establecemento da praia de Beluso, un dos tres galegos que pertencen ao Círculo de Restaurantes Centenarios de España, estuda ofrecer un servizo de cátering
12 jun 2004 . Actualizado a las 07:00 h.«La Vizcaína. La casa del marisco vivo. Escoja su marisco y a la cacerola». Julio Pérez, xerente do restaurante A Centoleira, lembra entre risas un eslogan que se fixo famoso na década dos setenta. Un tempo no que o negocio familiar que vai pola cuarta xeración estivo marcado polos banquetes de voda. «O marisco como produto de calidade empezou nos sesenta, co desenvolvemento do turismo -explica-. A principios do século XX só a ostra tiña prestixio en países como Francia ou Dinamarca. As nosas primeiras vodas de mediados dos sesenta eran a base de cocido e vieiras». A Centoleira, ubicada na praia de Beluso (Bueu), celebra este ano o seu 120 aniversario. Julio Pérez comenta que foi Vicenta Laiseca, natural de Zalla, quen fundou a taberna centenaria en 1884 xunto ao seu marido, José Estévez, natural da parroquia. «Emigraron a América e coñecéronse alí», apunta. O negocio foi próspero como tenda de comestibles, ultramarinos, hospedería e casa de comidas, adaptándose ás necesidades da pequena frota de pescadores da zona. En 1965, co emerxente movemento turístico, comezou a súa andaina o hostal-restaurante La Vizcaína, que deu paso á Centoleira en 1981. Na actualidade está rexentada por Florentina Estévez como xefa de cociña, neta da fundadora, e herdeira da tradición culinaria familiar. Hoxe é un dos tres establecementos galegos do Círculo de Restaurantes Centenarios de España e unha referencia imprescindible en guías e publicacións gastronómicas especializadas. Para Julio Pérez non hai unha fórmula máxica, pero si dous aspectos determinantes: a ubicación e a dedicación. «É moi fácil manterse mal ou ir para abaixo. Unha das claves veunos dada, que é o emprazamento neste recuncho tan fermoso, e a outra é o traballo». As cestas Para celebrar o 120 aniversario, ademais de publicidade directa, colocaránse unhas pancartas ilustradas por un pintor da zona nas que se destaca a longa traxectoria da taberna e o restaurante: «Catro xeracións con sabor mariñeiro e tradición familiar». O xerente tamén pensa nalgún prato especial e innovador para a carta. Pero se por algo é coñecida A Centoleira é polas súas cestas de mariscos, sen quitarlle atención ás empanadas, o salpicón, os calamares recheos ou os chipiróns en tinta. «As cestas -puntualiza Julio Pérez- nada teñen que ver coas parrilladas de peixes. Son cestas de catro ou cinco mariscos (centola, cigala, camarón, percebe e nécora) de calidade e a un prezo asequible». O futuro inmediato da Centoleira pasa por potenciar ao máximo o restaurante -«que non está todo o afinado que eu quixera», di o xerente- coa clientela de empresa, pero sen esquecer os banquetes de familia e de voda. Outra decisión é o peche do hostal co gallo da reconversión das categorías por parte da Xunta, co que só haberá pensións e hoteis. A curto prazo, as ideas tamén están claras. Vaise potenciar o servizo a domicilio e o envío de marisco a toda España, sobre todo, en datas sinaladas. Un dos proxectos novos é poñer en marcha un servizo de cátering. «Fixémolo algunha vez aquí na zona, en Cela, e é unha idea que ao mellor vai arriba máis adiante». Clientes ilustres Aínda que as paredes do local non o reflicten, son moitos os visitantes coñecidos que asinaron no libro de ouro da Centoleira. Pese a súa discreción -«niso somos un pouco como os vascos e os cataláns»-, Julio Pérez enumera algúns dos moitos que pasaron e pasan polo establecemento. Un dos habituais é Javier Solana, responsable europeo de Política Exterior e Seguridade. «En agosto ven tres ou catro veces e xa non lle dicimos que firme no libro». Fixos son tamén políticos da Xunta, como o conselleiro de Innovación e Industria, Juan Rodríguez Yuste. «Estivo Mariano Rajoy, o arquitecto César Portela co xaponés Isozaki, autor da Domus da Coruña, tamén pasaron actores como Wyoming ou artistas como Carmen Sevilla. O Príncipe de Asturias estivo cando estudaba en Marín e espero que volva». Julio Pérez reivindica atención para a praia de Beluso, «a máis olvidada» polas Administracións. «As duchas instaláronas hai dous anos e eu, que estou en contra dos paseos marítimos, si boto en falta unha pasarela de madeira, ademais dun punto limpo e a limpeza dos colectores do lixo».