O ovo e a galiña

MARTIÑO SUÁREZ

PONTEVEDRA

¡ARRE HO! | O |

06 jul 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

DE VEZ en cando vese xente da miña idade montada a carranchapernas sobre o cruceiro das Cinco Rúas, pasándoo terriblemente ben, actuando coma se estivesen gravando un deses anuncios de refrescos nos que a xente nova fai o parvo agabeando por semáforos en ámbar ou perseguindo coches coas intermitentes prendidas. En ocasións escoito algúns deles falando todos cheos de razón de concursos televisivos de visión imprescindible, ou do ben que está o último disco de Marilyn Manson ou dos Chili Peppers -perdoen estes últimos a miña inquina, pero no meu tocadiscos non se aprecia o guapos que son-, do ben que saben esas patacas fritidas tan enrolladas, da liberdade que che dá a laca de tal marca, de como lles cambiou a vida esta película de Winona Ryder ou estoutra do ultrasensible Julio Medem, vestidos todos eles coma se acabasen de saír dun catálogo de Calvin Klein, cos calzóns por encima dos pantalóns, a camiseta co emblema de Brasil impreso e peiteados imposibles, instalados comodamente no a ver o que pasa, operando con dobre rede. E un camiña fronte a eles coa sensación de que ou é medio tonto ou se convertiu antes de tempo no abuelo Cebolleta, preguntándose que foi antes, se a mocidade ou os anuncios.