
En dous minutos | Gonzalo Navaza Catro especialistas de prestixio internacional, Henri Dorion, Mario Alinei, Francesco Benozzo e Francisco Villar Liébana participan neste encontro
18 oct 2006 . Actualizado a las 07:00 h.Membro da Asociación Galega de Onomástica, organizadora do congreso que hoxe comeza, o profesor Gonzalo Navaza di que onomástica ten varias acepcións pero que eles utilizan a máis científica. «É unha disciplina lingüística -subliña- que se ocupa dos nomes propios, e dentro deles, os campos principais son os xeográficos (topónimos), e os persoais, que poden ser individuais ou familiares (nomes ou apelidos)». -¿Os nomes nos falan da nosa historia? -Pois si. Os xeográficos, por exemplo, son documentos históricos que nos dan información da época na que se formaron. En Galicia temos unha riqueza toponímica extraordinaria, hai poucos lugares do mundo onde teñen tanta riqueza no que se refire a densidade, variedade e antigüidade. -¿Cales son os orixes dos apelidos? -Todos os apelidos, sen excepción, teñen tres orixes posibles: ou son patronímicos, derivados dun nome persoal (de Pedro, Pérez), ou do nome dun lugar indicando a procedencia da primeira persoa que os utilizou, ou ben son o que lle chamaban cognomes, nomes comúns que empezaron a utilizarse como sobrenomes e acabaron consolidándose como nomes propios. Entre eles, algúns fan referencia a oficios (Ferreiro), outros a condición social (Escudeiro ou Cabaleiro), e outros a aspectos físicos, (Grande, Moreno). Ferreiro, coas súas correspondentes traducións ás linguas do mundo, incluída a china, (Ferrero, Ferrer, Ferrari, Smith....) é o apelido máis frecuente do planeta. -¿E en Galicia? -Temos uns apelidos comúns co castelán e outros exclusivos. Rodríguez pode ser galego, castelán ou de outras áreas. Entre os exclusivamente galegos os máis frecuentes son Vázquez (Velázquez en castelán) ou Méndez (Menéndez). -¿E do topónimo Pontevedra? -É un nome transparente formado por dous elementos, o substantivo Ponte, e Vedra, do latín vetera, antiga. Ponte antiga. Desde logo non ten nada que ver con ese nome Pontus Veteris que utilizan para o desfile de moda, porque iso en latín sería O mar do vello.