Descifrando o Código da Vincha

Rocío García Martínez
Rocío García A ESTRADA

PONTEVEDRA

MARCOS MÍGUEZ

En directo | Festa gastronómica en Cerdedo Ducias de visitantes descobriron onte na Terra de Montes que unha vexiga de porco pode ser un manxar exquisito se está rechea cun dos doces máis enxebres do entroido

18 feb 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

A Gioconda de Leonardo da Vinci virouse na Monalisa de Fernando Botero de tanto comer vincha en Cerdedo. A tese non está avalada por probas científicas. É a conclusión dun cerdedense inxenioso que convertiu o cadro do artista colombiano en cartel promocional da festa gastronómica plantándolle a lenda "O Código da Vincha. O doce segredo de Cerdedo". Ten razón. A enigmática Gioconda do xenio italiano ten no retrato de Botero máis cara de vincha que de musa do desacougo. O enigma da vincha foi descoberto onte por unha manchea de visitantes que se achegaron á comarca de Terra de Montes. A festa gastronómica celebraba a súa séptima edición con máis de duascentas vinchas á venda. Os habituais foron directos a por elas. Os primeirizos tiveron que superar primeiro o noxo do descoñecemento. A vincha é un doce típico do entroido tradicional da zona que se coce dentro dunha vexiga de porco. A descripción non abre o apetito, pero a proba é suficiente para engancharse definitivamente. Na festa había moitos adictos, pero tamén opcións de sobra para os padales menos aventureiros. Orellas, flores, biscoitos, filloas e toda a galería de larpeiradas propias do entroido estaban presentes. Tamén o estaba a polémica de Dionisio Pereira e a represión franquista en Cerdedo. Iso ó marxe da festa, nalgunhas lapelas nas que campeaban adhesivos co lema: «Pola liberdade de expresión». «Dionisio estamos contigo», dicían tamén. Tres pequenos pregoeiros -Sara Salgado, Edu Villaverde e Silvia Muradás- deron lectura ó manifesto inaugural. O texto era de Fernando Salgado e pedía un respeto para o porco, un animal que matou moita fame e que é imprescindible para que a vincha subsista. Para manter a tradición tamén é precisa a sabedoría das mulleres que gardan a receita. Dez delas participaron onte no concurso de vinchas organizado pola asociación Espadela. A gañadora foi Carola Troitiño, que xa levou noutra edición o primeiro premio. No segundo posto quedou Pilar Arén, de Fondós, cunha receita herdada da súa nai, personalizada cun toque de anís e cociñada con maña. «O segredo está en cocer a vincha de xeito lento. Tres horas ou tres e pico. Non hai que apurala», explica. Seica as maiores paixóns se cocen a lume lento.