Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

O demo e o seu séquito percorrerán as rúas do centro histórico facendo trasnadas

La Voz

PONTEVEDRA

23 ago 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

O actor Miro Magariños enfundarase por sétimo ano consecutivo o traxe vermello para facer das súas na recuperada hai oito anos Festa do Demo.

Nesta ocasión, os seus axudantes portarán novas armas para tratar de disuadir aos nenos que se acercan ata o diaño con intención de arrincarlle o rabo, un dos trofeos desta cita.

Pola contra, o demo tentará atrapar almas para o inferno e tentará a rapaces e fundamentalmente ás boas mozas, con bailes e enganos.

Este ano haberá menos fogos e estoupidos, para evitar que algún rapaz poda danarse cos petardos.

O séquito do diaño, no que non faltará a música a cargo do grupo Pai da Cana, fará dous pases polo centro histórico, con saídas ás 12.30 e máis as 20 horas, desde os Arcos de San Bartolomeu. O percorrido durará unhas dúas horas, tempo dabondo para xogos e burlas. Ao remate do da tarde, haberá unha verbena desenchufada, sen amplificación, na praza da Pedreira.

Miro Magariños quere deixar máis protagonismo á música, polo que a súa intervención con chistes e historias será menor que outros anos. A charanga viguesa O Son das Festas será a encargada de amenizar esta festa que pretende recuperar as antigas verbenas. A música seguirá ata as doce da noite, hora á que o diaño ten que volver a súa mazmorra de San Bartolomé.

A Festa do Demo desapareceu durante uns 50 anos ata que fai oito foi recuperada polo concello. Daquela, o popular Dominguiños encarnaba a figura do demo.