O porto de Portonovo acolle esta noite o espectáculo Entroido de risa, no que intervirán os cómicos televisivos Dani Mateo, Flipy e Raúl Cimas.
A partir das 22.30 horas, o público poderá disfrutar cos monólogos que ofrecen eses tres profesionais moi coñecidos pola súa participación en diferentes programas de televisión.
Dani Mateo ten 26 anos e é licenciado en Periodismo. Tras colaborar en diversas radios locais, deu o salto a Cataluña Radio. Logo chegaron traballos en outras cadeas e grazas ao seu amigo Martín Piñol, meteuse de cheo no mundo dos monólogos, entrando a formar parte do plantel de Paramount Comedy e logo viñeron as galas e actuacións por teatros de todo o país.
Enrique Pérez Vergara, máis coñecido como Flipy, naceu en Valladolid e traballa no programa El Hormiguero de Pablo Motos, facendo de científico tolo, ademais de ser un dos seus guionistas.
E o terceiro invitado, o actor e humorista Raúl Cimas, é natural de Albacete e licenciado en Belas Artes. Comezou no teatro antes de ser fichado polo canal Paramount Comedy e participou en programas como Buenafuente, La Hora Chanante e Nuevos Cómicos. Tamén participou na película Tapas, dirixida por José Corbacho e Juan Cruz e tamén intervén en Muchachada Nui.
A entrada a este espectáculo, organizado polo Concello de Sanxenxo a través de O.A, Terra de Sanxenxo, é totalmente libre e de balde.