Monte Porreiro e Campañó copan os premios do concurso dos Maios

Chelo Lago

PONTEVEDRA

02 may 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Os maios do colexio de Infantil e Primaria Manuel Vidal Portela, de Monte Porreiro, e o da Asociación Cultural Deportiva de Campañó foron os gañadores do concurso pontevedrés dos Maios celebrado onte. O maio colexial, que tivo como intérprete solista a Arancha Rodríguez, a nena que quedou segunda no concurso televisivo Tienes talento, conseguiu o primeiro premio no apartado de maios, e segundos en cantigas, interpretación e coroa, mentras que o de Campañó foi primeiro en coroa -moi espectacular e rematada cunha chama olímpica-, interpretación e cantigas, quedando segundo no apartado de maios.

O jurado otorgou o premio especial para maios ao de Monte Porreiro, nunha decisión que non foi moi ben entendida, en especial polos membros do maio de Campañó, que mostraron a súa estraneza pero que non protestaron.

Tamén foi recibido con sorpresa polos gañadores, pero o xurado indicou que ese premio dase pola puntuación nos distintos apartados, non pola clasificación.

O maio do CEIP Campolongo quedou terceiro nos apartados de maios, interpretación e cantigas. E o de Froebel obtivo o terceiro premio en coroas. O premio especial para centros escolares repartíuse entre catro: o CEIP Froebel e outros tres que non acadaran premio algún, os maios Viaxeiro e Os do Pavillón, os dous do CEIP Cabanas-Salcedo, e o do CEIP de Marcón.

Tamén concursaron Os de San Xulián de Marín, e o da Asociación Recreativa de Xeve, que non acadron premios, pero que se levaron, como todos os demais, un agasallo para cada participante, 150 euros por participar, e un roscón.

A choiva desluciu a festa e fixo que o inicio do certame, que tivo que desenvolverse baixo cuberto, nos soportais da Ferrería, se demorase máis dunha hora. Primeiro a choiva e logo a indisposición dun espectador, que tivo que ser atendido pola ambulancia na mesma praza, retrasou o acto.

As coplas non deixaron títere con cabeza. Cada maio cantou catro, pero tiñan moitas mais que tocaban todos os temas da actualidade tanto local como nacional ou internacional. Mesmo diante do Concello / están facendo prospeccións / por se atopan as promesas / feitas polas eleccións. As listas de espera -As esperas sanitarias / din que teñen fundamento / cando te chaman á casa / xa tes feito testamento-, temas medioambientais -Entre a merda dos cadelos / e o fume da celulosa / Pontevedra, a Boa Vila / estache ben apestosa-, a campaña electoral -O da nena de Rajoy / aínda dará que falar / mentras non se teña idea / de por onde pode andar-, foron algúns dos temas tratados nos que non faltaron tampouco alusións a Carla Bruni ou Berlusconi, ao noso representante en Eurovisión ou aos realoxos dos xitanos, con críticas para o alcalde de Poio: Porque vaia se ten cara / o noso amigo Luciano / desmentando o telderete / e deixando acá o regalo.

Marín e Poio

Por outra banda, no concello de Marín o maio gañador no concurso convocado polo Ateneo Santa Cecilia foi o elaborado por Porviso (de Rois), que percibirá 480 euros, mentres que Landeiras, de Marín, quedou en segundo lugar, e San Xulián, tamén do concello, resultou terceiro. En cuarto lugar foi premiada A Bruxa. En embarcacións, unha das tradicións que o Ateneo persegue que non desapareza, tamén levou o primeiro premio a agrupación marinense de San Xulián.

No caso do concurso celebrado en Poio, como mellor conxunto foi elixido o maio presentado por Mare Podium, seguido dos aportados polos grupos Pimpín, Boureante 2007 e Novo Criticón.