Os Palleiros con pedigrí

PONTEVEDRA

A protectora de animais crea un calendario no que interveñen persoaxes moi coñecidas da provincia

17 dic 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

A protectora de animais Os Palleiros ten claro que a acción é o mellor antídoto contra a indiferenza. Coa sana intención de que os máis de cen cans que acollen nas súas instalacións non pasen ao esquecemento, decidiron crear un calendario no que participan trece personaxes moi coñecidos na provincia de varios ámbitos sociais como a cultura, a música, o cine, a televisión ou a literatura.

Trátase de darlle un novo caché a estas mascotas que carecen de pedigrí pero que seguro que conquistan pola súa nobreza e agradecemento ás familias que os adopten. Con esta nova iniciativa, a asociación sen ánimo de lucro quere enviar unha nova mensaxe para este Nadal: «Antes de mercar un can, pensa en adoptalo».

Xesús Constela e outros

O Hotel Galicia Palace foi o escenario perfecto para a posta de largo destes treces cans cos seus padriños. Na portada aparece o escritor Xesús Constela cunha dedicatoria para as mascotas. E nas páxinas interiores pode verse a Pablo Cimadevila, campión paralímpico de natación; José Luis Torrado, ex atleta e naturópata; Pepe Solla, cociñeiro de prestixio; Uxía Blanco, actriz; Celso Bugallo, actor galardoado cun Goya entre outros premios, e moitos máis participantes que acudiron a chamada de Os Palleiros de forma totalmente desinteresada.

A organización asume que se unen a unha tradición pola cal, toda asociación que se prece publica e divulga un calendario: «Se Pirelli, os bombeiros de Barcelona ou Jessica Alba sácanos á luz pública, ¿por que a nosa asociación non o pode facer por unha causa máis nobre ca do resto?», argumenta esta asociación que defende a protección e recuperación dos cans de Pontevedra.

Polo de agora, os 200 exemplares deste atractivo calendario venderanse a partir de mañá xoves na feira Pontenadal, situada na praza do Teucro. Dende Os Palleiros asegurou que o esforzo desta iniciativa, ratificou os pensamentos da protectora: «Que os animais son un gran tesouro, pero tamén unha grande responsabilidade, non queremos que sexan bonecos, nin agasallos de Nadal, ni obxectos para abandonar».

Máis axuda institucional

A asociación aproveitou a ocasión para asegurar que todas estas iniciativas son imprescindibles para levar a cabo esta labor. Os ingresos dependen esencialmente das coutas dos socios, da venda de lotería, dos calendarios, das feiras caninas...

Segundo a protectora este ano todavía está por confirmar unha subvención da Xunta que «aínda que lle damos a benvida, chega para moi pouco», afirmou Teresa Molero, presidenta da protectora.

Tamén lle piden maior esforzo na axuda concedida polo Concello, 25.000 euros anuais, polo servicio que aportan á cidade: «Xa sabemos que os cans non votan, pero tamén o merecen. Ademais os cidadáns teñen dereito a unha cidade sen cans abandoados», conclúe Molero. A asociación leva tramitada no que vai de ano as adopcións de máis de 250 cans. Actualmente, teñen recollidos unhas 130 mascotas que esperan dono e que saturan as instalacións da protectora.