Eventos polo Nadal

Chelo Lago consuelo.lago@lavoz.es

PONTEVEDRA

31 dic 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

O convento de San Francisco recibiu onte máis de dúas toneladas de alimentos recollidas na primeira edición do Concerto Quilo Solidario celebrado o pasado sábado no Pavillón de Deportes de Ponte Caldelas. Precisamente o alcalde da vila do Verdugo, Perfecto Rodríguez, acudiu á entrega, xunto con representantes da Banda de Gaitas Os Coribantes de Buchabad, organizadora, xunto co Concello, do devandito festival. No concerto participaron desinteresadamente oito grupos do municipio como a Coral Valdarrosa, as cantareiras Herba Verde e Dignas do Querer, e os grupos Follas Verdes, Trouleada e Pedra da Arca, ademais das Pandereteiras de Regodobargo e a banda Os Coribantes de Buchabad. Como presentador estivo Bernardo Xosé, compoñente do grupo A Roda, que tamén interpretou algunha das coñecidos temas da súa banda. Cada espectador aportou alimentos en lugar de entrada. Asómesmo, a Asociación O Torreiro de Forzáns aportou mil quilos de alimentos e os comerciantes de Ponte Caldelas, outros 350 quilos. Todos foron entregados onte no comedor de pobres de San Francisco, en Pontevedra. Neste centro ofrécese comida a todas as persoas que diariamente acoden ata as súas instalacións no devandito convento dos franciscanos.

Sen saírmos do ámbito musical, damos conta da homenaxe de despedida que a Sociedade Coral Polifónica rendeu ao que foi durante anos, e ata o pasado mes de xullo, o seu director, Manuel Fernández Cayeiro, coincidindo coa festividade do seu patrón, san David. O acto comezou cunha misa na Igrexa de San Bartolomeu, cantada pola coral, que interpretou música sacra e algunha panxoliña, seguida dunha cea nun céntrico hotel. O mestre Fernández Cayeiro recibiu a máis alta condecoración que a devandita sociedade entrega, unha placa esmaltada coa imaxe de san David. O encargado de darlle o agasallo foi o presidente da Coral e director do Museo de Pontevedra, Carlos Valle Pérez. O ex director agradeceu emocionado a distinción recibida e tivo palabras de recordo para cantores falecidos durante o seu cargo ao fronte da agrupación. Tamén lembrou a memoria de Iglesias Vilarelle, outro dos grandes directores da veterana agrupación pontevedresa, que o animaba sempre a coller a batuta mesmo cando levaba pouco tempo na coral, e de quen logo tomou o relevo. Como non podía ser menos, a cea rematou con cánticos variados.

Sesenta persoas arrouparon ao mestre que dirixiu a Polifónica en dúas etapas, do 1964 ao 1967, abandonando a batuta por razóns profesionais que o levaron a trasladar o seu domicilio, e dende 1998 ata xullo deste ano. Agora, ao fronte da coral está a mestra cubana Marlene, que tamén acudiu á cena do homenaxeado, que estivo acompañado pola súa dona. Na última etapa de Fernández Cayeiro na Polifónica dirixiuna en importantes concertos, como os do 75 aniversario da sociedad ou nos celebrados en Madrid, Oporto, León e Andorra, ademais da gravación do seu primeiro disco.

Por outra parte, tropas da Brilat con base no cuartel de Figueirido, participaron onte, como xa fixera outros anos, na solemne cerimonia de translación dos restos do Apóstolo Santiago celebrada onte na catedral compostelá. A presidenta do Parlamento Galego, Dolores Villarino, xunto con outras autoridades militares, pasou revista á forza despregada na praza da Obradoiro. Na parada militar tomaron parte a escuadra de gastadores, unha compañía de infantería e a bandeira nacional todas adscritas ao Rexemento de Infantería Lixeira Isabel a Católica, e a banda de guerra da Brilat.