«Eu son unha ?hooligan? total da cidade de Pontevedra»

Elena Larriba García
E. Larriba PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

11 dic 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

No 2007, o BNG fichou a Lola Dopico para formar parte do goberno local. Fernández Lores viu que tiña moito que aportar pola súa relación directa coa Universidade, coprotagonista de moitos proxectos co Concello, como o novo Edificio das Artes en Tafisa. No anterior mandato exerceu como concelleira de Cultura e no actual ocúpase da área de Igualdade.

-¿Cómo valora súa experiencia no Concello despois destes catro anos e medio?

-Moi positivamente. O primeiro polo aprendizaxe que me aportaron moitas experiencias vividas. E especialmente aprendín da xente coa que traballo. Eu son moito de equipo. A escola no é un proxecto meu, é un proxecto que constrúe un equipo que se deixa a pel. E do mesmo xeito o vivo o Concello. Os meus compañeiros do goberno son xente que inviste o que ten e o que non ten das horas do día, que traballan dunha forma rigorosa, seria... Para mín, compartir iso é un luxo e só teño agradecemento. A oportunidade de levar Cultura foi moi fermoso pola incrible cantidade de creadores e artistas que hai nesta cidade.

-Vexo que segue sendo a fan número un de Pontevedra.

-Eu son unha hooligan total de Pontevedra. Para mín, ten todas as vantaxes. A mín, que me gusta saír e viaxar, ten varios aeroportos cerca. Ten un nivel e unha calidade de vida estupenda, nas rúas estase xenial, hai xente a todas horas, para ter nenos é a mellor cidade do mundo... Home, me gustaría como a todos que se xenerara máis riqueza, que houbera máis posibilidades de empresa e, sobre todo, que se quedara a xente nova que formamos. Está ben que saian fóra, pero que poidan voltar e construír algo aquí.

-¿Este mandato municipal é máis relaxado para vostede?

-Durante todos estes anos mantiven a adicación á Universidade e traballaba ademais no Concello. Foron anos moi intensos e creo que din todo o que puiden. Neste momento, este ano que vén e o seguinte, na Universidade xogámonos moito, hai que poñer en pé o grao, hai que traballar na construción de posibles masters. E esa é a miña principal responsabilidade. Tamén hai que sumar que cando empecei no Concello non tiña fillos e agora si. Eu teño toda dispoñibilidade do mundo para seguir traballando, pero non podía manter o mesmo compromiso coa área de Cultura porque ten unhas especificades concretas que facían que as veces as miñas xornadas empezaran as sete da mañá aquí na escola e acabaran non se sabe cando. Pero, fundamentalmente, é que temos dous anos poderosos por diante na Universidade e esa ten que ser a miña prioridade nestes momentos, por un compromiso asumido, previo ao Concello.

-Igualdade tamén é un área comprometida.

-A mín, persoalmente interésame moito. É un ámbito no que teño unha implicación directa e no que queda moitísimo por facer.

-A súa estrea nesa responsabilidade non puido ser mellor traendo a Luz Casal no 25-N.

-Iso foi unha sorte. Non me podo poñer esa medalla. A traballaron a xente do CIM e de verdade que foi moi xenerosa cedéndonos a súa imaxe e o tema principal do seu último disco.

-Entre os proxectos comúns que teñen o Concello e a Universidade está o Edificio das Artes. ¿Para cando?

-Ese edificio é fundamental para todos, para Belas Artes e para Esdemga. As posibilidades de crecemento da Facultade e de producir incluso investigación están asociadas a un novo espazo. Pero as cousas van ao seu ritmo. O momento no que se entrou nese proxecto foi complicado e eu creo que ímolo conseguir. O que pasa que, posiblemente, con maior lentitude da que todos quereríamos.

-En San Fernando, Esdemga está un pouco encaixada.

-Eu sempre defendín que era máis importante para a Titulación de Moda estar un pouco estreitos na Facultade de Belas Artes que estar máis anchos noutro sitio. Porque se xeneran moitas sinerxías entre ambos estudos.