«A conversión en posgrao, en vez de grao, e unha posibilidade a estudar»

Elena Larriba García
Elena larriba PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

ramon leiro

A titulación de Esdemga cumpre dez anos como título propio da Universidade de Vigo

02 nov 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai dez anos, no curso 2004-2005, comezaban a impartirse no campus de Pontevedra os Estudos Superiores de Deseño Téxtil e Moda como título propio da Universidade de Vigo. Desde entón o seu alumnado non parou de atraer a atención de consagradas firmas nacionais e internacionais en busca de novos talentos. Lola Dopico (Ferrol, 1970) está desde o principio á fronte de Esdemga, da que xa saíron oito promocións de deseñadores. E unha titulación que, por méritos altamente acreditados, máis tarde ou máis cedo haberá de converterse en grao ou posgrao.

-¿Como recorda aqueles inicios e que balance fai destes dez anos de Esdemga?

-Poñer algo en pé esixe unha implicación moi, moi grande, pero tamén moitas satisfaccións. O balance é moi positivo. Positivo polo que sabes da xente das distintas promocións coas que segues en contacto. Entrar pola porta de Inditex e encontrarte no corredor a tres alumnos teus e que haxa outros sete dentro traballando. Ou que che escriban e che digan que acaban de estar no Victoria and Albert, de arte e deseño, facendo unha estancia de tres meses e che pidan apoio para irs a Nova York a facer un máster. Iso é o positivo, ver o percorrido da xente que se quere dedicar a isto e que o fixemos posible a Universidade e todos os que traballamos nela.

-A creación de Esdemga foi unha demanda da industria téxtil. ¿Ségueo sendo?

-O segue sendo. Ao desfile de Debut, no que se presentan os proxectos fin de carreira, e á xornada de contratación, que se fai ao día seguinte, ven xente de recursos humanos de empresas con capacidade de contratar, que fan entrevistas na que se fraguan contratos. Nese senso, a demanda segue existindo.

-Deputación, Concello, Cámara, a entón Caixanova, asociacións de empresarios do téxtil... Moitos axentes apoiaron a aposta da Universidade por Esdemga. ¿Como se financia hoxe esta titulación?

-É certo que nos inicios moitos axentes sociais, políticos e económicos apoiaron esta titulación, mesmo a Consellería de Industria, pero non todos participaban economicamente. No que a min me consta, actualmente, o apoio directo que segue a recibir Esdemga, fundamentalmente, é por parte do Concello.

-Creouse co compromiso de transformala en grao ¿Que o impide neste momento?

-Practicamente todo. Cando se puxo en marcha aínda estaba por definir a Espazo Europeo de Educación Superior. E nese camiño, en Galicia se plantexou que non se ía a admitir ningún título novo ata o 2015. Ao principio ía ser para o 2011 ou 2012 e nós puxémonos a traballar na titulación de grado. Pero, por un lado, esa data se volveu a desprazar cara adiante por parte da Xunta. E, por outra parte, saíu unha directriz complexa, que impedía novas contratacións de profesorado por parte da Universidade e quedámonos sen esa posibilidade legal de contratar especialistas en deseño para as materias específicas.

-¿E que depara o futuro, entón?

-No contexto socioeconómico actual vexo moi difícil o grao e posiblemente haxa que cambiar a perspectiva. Converternos, en vez de en grao, en especialización de posgrao ou máster para xente que acceda doutras titulacións. É a liña que estamos estudando. Temos moitos estudantes que acceden desde o bacharelato, pero tamén moitos que acceden desde outra titulación. É dicir, graduados en Belas Artes, en Comunicación, en Historia da Arte, e incluso algún arquitecto ou enxeñeiro que queren internarse no tema da moda. En todo caso, se mañá cambian as cousas en termos económicos, volveríase reformular a situación. Nos pillou un momento moi convulso e estamos estruturando toda a información que nos vai permitir no momento oportuno formular aquilo que vexamos que ten mais posibilidades de ser efectivo, transformarnos nunha titulación oficial de grado ou de posgrao, pero oficial.

-¿Que desvantaxas ten ser un título propio?

-A principal é a económica, o custe que ten a matrícula para o alumnado, que son 3.200 euros por curso. É elevado, aínda que universidades privadas como Bau, anda polos 8.000 euros, pero debería haber unha oferta formativa na universidade pública a prezo público. No aspecto profesional, o título propio é perfectamente recoñecido polo sector empresarial e a xente que sae de aquí non ten problemas para traballar. O problema o podes ter se pensas en desenvolver una carreira académica ou facer unha oposición.

-¿Cantos alumnos teñen? ¿Baixaron coa crise?

-Setenta, aproximadamente. Cada ano admitimos un máximo de 30 en primeiro curso e non soen baixar de 25. Pero é certo que nestes tres últimos anos houbo xente que empezou e o tivo que deixar por temas económicos.

¿Estudar Moda está de moda ou hai verdadeira vocación?

-Non é o mesmo estudar moda e dedicarte á moda a que che guste a roupa. Hai que ter moita enerxía para dedicarte a isto profesionalmente. Ten un alto nivel de traballo e de estrés. É certo que algunha xente pode chegar atraído pola parte máis glamurosa da moda, que non ten nada que ver co mundo da creación. Este non é un mundo de galamur é un mundo de moitísimo traballo e esforzo.

-¿Cohabitar con Belas Artes e un valor engadido para Esdemga?

-Eu sempre pensei que o seu sitio era este, con Belas Artes, porque lle dá un perfil que non ten ningunha outra escola de España. Iso é a forza desta titulación, a conexión coa arte, que se materializa no día a día, no ambiente de corredor, nunha biblioteca enfocada ao ámbito artístico e do deseño, na colaboración de xente dunha e outra titulación, en ter a disposición talleres de construción de materiais específicos e un estudo fotográfico. Unha escola de deseño ao uso, non ten estes medios. E iso che acompaña toda a vida, porque a túa cabeza se expande a outras realidades creativas.

-¿A relación co sector empresarial tamén é forte vía convenios?

-Tamén. Os estudantes fan unha estancia de prácticas en empresas e cada ano temos convenios diferentes. Os temos con Purificación García, con Carolina Herrera, con Bimba y Lola, con Oky Coky, con Desigual. Este ano tivemos a un estudante con Viktor&Rolf, en Amsterdam, e tivemos xente con McQueen en Londres. Inditex non ten unha política de prácticas, pero é posiblemente o principal contratador.

-¿Cal é o nivel de emprego ao rematar os estudos?

-Nos anos potentes chegamos ata un 70 % e agora estamos entre un 50 e un 60%, de aí nunca baixa.

-¿Cómo van celebrar o décimo aniversario?

-Estamos traballando nun catálogo especial de Debut, que será o día 27 de novembro. E este ano imos introducir nos workshop una nova liña de traballo de innovación tecnolóxica que ten que ver co concepto de wearable (dispositivos electrónicos no vestir), para o que contaremos con colaboradores moi interesantes. Máis adiante faremos nun proxecto expositivo con alumnos de todas as promocións.

LOla dopico directora da escola de deseño téxtil e moda

«O balance e moi positivo polo percorrido da xente das distintas promocións»

«A principal desvantaxe de ser un título propio é o custe que ten a matricula»

«A forza desta titulación, que non ten ningunha escola, é cohabitar con Belas Artes»