![](https://img.lavdg.com/sc/aXhrhfwiq5PTxXDiyZJ3BjCxWyo=/480x/2014/11/19/00121416422402206926267/Foto/.jpg)
Centos de rapaces participan nos obradoiros organizados pola Concellaría de Normalización Lingüística
20 nov 2014 . Actualizado a las 05:00 h.Nerea, Chus e Andrea, doutoras do departamento físico e lingüístico da «universidade» Xandobela irromperon onte no colexio Vilaverde de Mourente para advertir aos rapaces de un brote de virus lingüísticus moi infeccioso que ataca aos músculos e ao idioma galego. Para saber se os escolares estaban contaxiados ou non, os someteron a unha serie de probas de habilidade, de resistencia e de velocidade, tanto físicas como mentais. E así os rapaces foron mesturando os xogos tradicionais con adiviñas e trabalinguas, coa busca de cazapos para eliminar palabras mal escritas ou ditas e coa construción de outras coas letras que ían apañando. Todo para demostrar a súa fortaleza co uso do idioma como ferramenta fundamental. O diagnóstico das doutoras foi que os escolares, como veñen de comprobar normalmente, están un chisco afectados por ese virus maligno que ameaza a nosa lingua, aínda que a coñecen ben. E a receita para combatelo foi ben sinxela. «Hai que falar máis galego como única maneira de matar ese virus e salvar a lingua».
Máis de mil alumnos de primaria están a xogar en galego nestes obradoiros de Lingua Forza 3, que a Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra ten en marcha polos colexios do municipio. Trátase dunha xincana con probas e xogos populares en versión lingüística, deseñados especialmente pola asociación de dinamización cultural Xandobela, co obxectivo de fortalecer o galego.
Lingua e micoloxía
A lingua e a micoloxía van igualmente da man noutros obradoiros promovidos polo Concello nos colexios de Campañó, Lérez, Xeve e Verducido. Están guiados por especialistas da asociación Brincabois e os alumnos de todos eses centros asisten a charlas divulgativas sobre os cogomelos, impartidas por Jaime Blanco, ao tempo que gozan con saídas ao campo para recollelos e montar despois con eles unha exposición nos seus centros. É outra iniciativa da Concellaría de Normalización Lingüística co fin de fomentar o uso do galego entre os escolares. Hoxe lles tocará aos rapaces da escola infantil de Verducido.
Día dos nenos
Os máis pequenos foron onte protagonistas indiscutibles do acto celebrado no Teatro Principal co galo da celebración do Día Internacional dos Dereitos do Neno. Alí se entregaron os premios do concurso escolar Melodía da Igualdade, convocado polo Concello de Pontevedra e a Fundación Meniños. Noa Prado, Adrián Vales, Lucía de Cabo, Tiago Carballo, Daniel Ferreira, Miguel Martínez, Carla González, Mateo Requejo, Aimee Novegil, Lúa Couchot, Daniel Ortins, Paula Azcueta, Candela Lorenzo, André Pazo, Anxo Estévez, Amanda Fernández, Laura Timmer e Rodrigo Cid, foron os gañadores. Despois de recibir os seus premios, asistiron cos seus compañeiros á representación teatral do conto Antía, Wamba e o regato pequeno, a historia dunha nena galega e un mozo do Congo, interpretada por A tropa do Trapo.