Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Os escritores revisan os últimos corenta anos de poesía galega

La Voz

PONTEVEDRA

PACO RODRIGUEZ

AELG debate esta fin de semana no Pazo da Cultura sobre a situación actual da poética e os retos de cara ao futuro

06 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Nós tamén navegar. 40 anos de poesía galega é o título do congreso de poesía organizado pola Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), que se celebra este venres e sábado no Pazo da Cultura.

O encontro pretende facer unha revisión da poesía galega nos últimos catro decenios; un exame da súa situación actual e do peso da poesía no sistema literario e na sociedade galega, tendo en conta a relevante diversidade de propostas, achegas e temáticas que mostran as diferentes poéticas existentes, e tamén analizar colectivamente os retos para o futuro.

«Será un debate aberto sobre o estado actual e recente da poesía galega, unanimemente recoñecida pola súa grande valía literaria, mais que padece unha certa invisibilidade social no seu propio territorio, o que fai máis necesario que nunca un Congreso onde se debatan diversas perspectivas sobre ela, como un punto de encontro onde reflexionar serena e abertamente arredor das experiencias vinculadas ao feito poético», sinalaron desde AELG.

O Congreso dividirase en seis mesas redondas, en formato de grupos de traballo, sendo a idea fundamental o debate aberto e a intercomunicación fluída de propostas, análises e perspectivas. Tamén terá lugar un recital poético con voces representativas destes últimos 40 anos de creación poética.

Programa

A xornada inaugural terá lugar as 16.15 horas coa presenza do presidente de AELG, Cesáreo Sánchez, e a concelleira de Cultura, Carme Fouces, que darán paso a primeira mesa redonda sobre a poesía galega de 1976 a 2016, coordinada por Marta Dacosta, na que intervirán Helena Villar, Rosa Enríquez e Yolanda Castaño.

A segunda mesa redonda leva por título Teatro e outras formas de comunicación do poético, coa participación de Miguel Sande, Antonio Reigosa e Silvia Penas, baixo a coordinación de Alfonso Becerra. Ao remate desde primeira xornada, os congresistas trasladaranse ao Espazo Multidisciplinar Nemonon (Villa Pilar) na rúa Riestra, onde terá lugar un recital de poesía e música. Rosalía Fernández Rial, Xulio López Valcárcel, Antón Lopo, María do Cebreiro, Baldo Ramos, Ana Romaní, Daniel Salgado, Susana Sánchez, Dores Tembrás e Vítor Vaqueiro recitarán xunto á musica ao vivo de César Morán. O Congreso continuará mañá con novos debates sobre poesía galega.