«Hai 2,6 millóns de parcelas e iso supón un lastre para as iniciativas empresariais»

La Voz

PONTEVEDRA

18 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O Director Xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Ángel Pérez Dubois cifra en máis de 150 o número de peticións existentes en Galicia de novas parcelarias, algunhas delas recentes.

-Que se prioriza?

-As que se atopan en zonas que terán un desenvolvemento. Estamos usando fondos públicos que en parte saen do peto de todos os galegos e as galegas, e unha parte importante de fondos europeos, e esas inversións teñen que reverter na sociedade. Ten que ir aparellado que os propietarios poñan as parcelas a producir. Ten que haber parcelaria sempre e cando as fincas se ocupen e se cultiven. Para pasar despois de anos de esforzo e de moitos cartos investidos de 10.000 fincas en abandono a ter mil en abandono, para iso non son. Nas zonas nas que hai unha iniciativa económica rendible, aí nos van a atopar.

-Dentro da provincia cales son os principais eixes? Onde se concentran as parcelarias?

-No norte da provincia, especialmente en Deza e Tabeirós-Terra de Montes, onde hai unha actividade gandeira moi importante. Temos en marcha unha de catro parroquias, a de Val de Camba en Rodeiro que é unha das zonas con máis granxas. A outra sería a do Salnés cunha moi importante produción de viño e de cultivo de horta, e algo na zona do Baixo Miño.

-Canto se destinan ás parcelarias cada ano?

-Vimos destinando algo máis de 20 millóns de euros cada ano a estes procesos.

-Porqué tardan tanto?

-Modifican a estrutura da propiedade e son procesos moi garantistas. Tiñamos a lei de concentracións parcelarias do 85 e a lei de reforma agraria do 73 e son procedemento nos que ata que e acabe o derradeiro papel, a derradeira alegación, non se pechan. O que fixemos foi elaborar unha nova lei, unha nova norma, a do 14 de xullo do 2015, coa que se acurtaron bastante os tempos. Normalmente dende que se daban as novas fincas ata que adquirían firmeza antes pasaban case nove anos, agora estamos conseguindo que sexan dous. Dende o 2016 lle estamos dando un pulo importante e decidimos apostar polas parcelarias.

-Canto chan rústico temos?

-Galicia ten o 6 % do de España, o 28 % no número de propiedades rústicas e o 20 % de propietarios de terras rústicas, o que da unha idea do reparto da propiedade. Pontevedra ten 2,6 millóns de parcelas, 100.000 menos que A Coruña e iso supón un lastre a hora de por en marcha iniciativas empresariais como poden ser as granxas.