Estréase en Pontevedra o documental «A memoria neta»

La Voz

PONTEVEDRA

S.B.

A presentación do audiovsual enmárcase na homenaxe do Concello ás vítimas da represión

27 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O teatro Principal de Pontevedra acolle esta tarde (20.30 horas, entrada libre ata completar aforo) a estrea do documental A memoria neta. Será no marco da homenaxe que fai cada ano o Concello ás vítimas da represión franquista.

Hai uns días, na presentación do acto, o concelleiro de Memoria Histórica, Xaquín Moreda (BNG), explicaba que «o obxectivo deste documental non é tanto contar o que pasou senón como se transmitiu o que pasou, incluíndo o silencio que predominou en moitas familias, e tamén como afectou a represión ás xeracións posteriores»

Moreda explicou que este ano se elixiu o tema da transmisión da memoria «porque queriamos traer a memoria ao presente» e contar distintos tipos de represión e como afectou ás familias que interveñen no documental. «Para nós a memoria non é unha cuestión de pasado, senón de presente e futuro, porque sen memoria non podemos avanzar como sociedade» insistiu o concelleiro.

En total son 8 familias pontevedresas e 14 persoas as que achegan as súas testemuñas neste traballo audiovisual. Son as familias Gama, Arruti, Lores Torres, Gamallo Adrio, Caamaño, Dios, Paz e Bóveda e na elección mesturáronse familias que militaron desde sempre na recuperación da memoria, con outras nas que imperou o silencio e con perfís máis coñecidos como as familias das vítimas do 12N.

O realizador do documental, Xan Xiadas salientou na presentación no Concello que «o que máis me impresionou é como oito familias van contando de forma bastante distinta todo este proceso, para min e case unha pequena lección de historia persoal». Tamén fixo fincapé na importancia do traballo de Montse Fajardo como guionista deste documental e na traxectoria do proxecto «A memoria das mulleres» sen o cal non sería posible abordar o proxecto.

O documental está dividido en sete partes: O silencio, na que se relata como se agochou a historia durante moito tempo; O relato, onde se conta como as testemuñas souberon do que pasara; O que pasou, que narra os feitos; O ronsel, que explica como estes feitos afectaron a xeracións posteriores; A memoria herdada, que conta a propia posición sobre a memoria; A ferida, que fala como as feridas seguen abertas; e A loita, sobre a continuidade na transmisión da memoria. As testemuñas foron situadas para a súa gravación en espazos relacionados coa represión na cidade, como o Concello vello, a Deputación ou o Café Moderno.

12 de novembro

O acto desta tarde servirá tamén para realizar unha homenaxe aos dez pontevedreses fusilados o 12 de novembro do 1936, posto que o acto institucional previsto para a data do aniversario tivera que ser suspendido por causas metereolóxicas.