Arranca Culturgal, onde «Galicia presenta toda a súa potencia creativa»

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Ramón Leiro

O filme «Ons» inaugurou onte a feira das industrias culturais galegas

28 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Coa proxección de Ons, de Alfonso Zarauza, que estivo precedida dun pequeno concerto de Chicharrón, trío carballés que fixo a banda sonora do filme, este venres levantouse o telón da Culturgal no Pazo da Cultura de Pontevedra. «En tempos de crise, as persoas precisamos a Cultura máis ca nunca». Facendo súa unha sentenza da Unesco, o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores sintetizou o espírito desta feira das industrias culturais galegas, ao tempo que rememorou como a cultura galega «ten demostrado a súa capacidade de resistencia, sobrevivindo mesmo aos períodos máis escuros e sombríos da nosa historia».

Ao longo de toda a fin de semana, e atendendo ás restricións sanitarias derivadas da pandemia do coronavirus, están programados máis de setenta eventos, dende presentacións literarias, espectáculos en directo, coloquios e mesas redondas... A fin de contas, e tal e como sinalou o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, «sen dúbida, é a principal feira de referencia, evento de referencia, no ámbito cultural. Onde Galicia demostra con toda a súa forza toda a súa potencia creativa».

Deste xeito, a Xunta de Galicia mantén o seu apoio económico ao encontro, do que é a principal patrocinadora, pero, dalgunha maneira, tamén se involucra directamente na configuración do programa ao estar presente cunha véntena de actividades culturais. Ao longo destes tres días, a Culturgal será o escenario para seis espectáculos ao vivo do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021, entre os que se atopan os concertos de Susana Seivane e de Luar na Lubre, pero tamén impulsa a proxección da restauración da versión polícroma do documental de 1927 Pontevedra, cuna de Colón, ou a presentación de diferentes iniciativas autonómicas no ámbito da cultura dixital, da promoción da economía social, da dinamización lingüística ou da programación cultural.

Vinte horas de retransmisión

Baixo o lema En caso de emerxencia, cultura e dada a situación sanitaria derivada do covid-19, o único espazo exclusivamente presencial é o adicado ás exhibicións cinematográficas con catro longametraxes de ficción e dous documentais, mentres que o resto, se ben terán un aforo limitado, emitiranse tamén en directo a través da web do propio Culturgal ou dos tres canais de YouTube habilitados: Foro, Libro e Escena. «Doce cámaras, vinte horas de retransmisión e un equipo de máis de sesenta persoas traballando para levar ás casas o mellor da cultura galega», destacaron dende a organización na presentación desta cita anual.