A Culturgal, escaparate da aposta pola reactivación cultural da Xunta
PONTEVEDRA
A Cidade da Cultura avanzou en Pontevedra a súa programación
30 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.A edición deste ano da Culturgal, que onte pechou as súas portas, foi todo un escaparate para a aposta da Xunta pola recuperación da cultura en todos os seus campos. E todo, sen perder de vista que é un sector que da traballo a trinta mil profesionais no conxunto da comunidade.
Neste senso, e á vista das consecuencias que a crise económica do coronavirus estaba a ter no sector, Galicia foi a primeira comunidade en activar un Plan de Recuperación específico que conta cun investimento de 26,4 millóns. O propio conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, confirmou o venres que o 95% das iniciativas están en marcha e estimou que se realizarán este ano 4.500 accións. Este compromiso manterase no 2021 con máis de 94 millóns de euros, un 27,4% máis, nos presupostos.
O obxectivo da folla de ruta establecida por Administración autonómica e axentes do sector é diverso: salvar o emprego e manter a industria cultural galega, pero tamén impulsar o consumo e, ao tempo, a creatividade e a produción cultural, así como reforzar as estruturas de programación e distribución.
Son catro os eixos que estruturan este plan, o primeiro dos cales céntrase na industria incluíndo axudas para o libro, o sector audiovisual, as artes escénicas, as artes plásticas e a música. Tamén abarca o programa Cultura no Camiño que, a pesar da pandemia, celebrou o maior número de funcións desde que naceu esta iniciativa: 410 espectáculos de danza, teatro, maxia, música e novo circo en 133 concellos. Tamén, apoiáronse distintas producións audiovisuais, caso de Ons, que inaugurou este ano a Culturgal.
Programa Galicia Emerxe
E, de igual xeito, inclúense o medio centenar de concertos gravados no marco de Galicia Emerxe, que converteu a Cidade da Cultura nun plató de televisión coa participación de artistas e grupos de diferentes estilos. Entre os participantes, músicos da provincia de Pontevedra como Budiño, Eladio y Los Seres Queridos ou Presumido. De feito, a última xornada da feira posibilitou coñecer un adianto da programación da Cidade da Cultura para a tempada de outono-inverno, así como as estratexias do Centro Dramático Galego (CDG) fronte ao covid-19.
Un segundo eixo do plan de reactivación cultural circunscríbese ao mantemento do emprego, de tal modo que reprogramouse a rede de dispositivos culturais da Xunta no ámbito escénico. Implicou, por un lado, a modificación da normativa da Rede Galega de Teatros e Auditorios para contribuír ao maior número posible de actuacións e, por outro, á dotación de 2,5 millóns para o Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021, iniciativa que acudiu ao Culturgal con, entre outros eventos, a acción escénica Sofia Unipersonal, a obra Chegar a Galicia, chegar ao mundo, o espectáculo Ópera Break's ou os concertos de Luar na Lubre e Susana Seivane.
O fomento do consumo cultural é a terceira vertente deste plan cunha campaña de comunicación e sensibilización coa que se busca animar a participar nas propostas impulsadas pola industria cultural galega, xa sexa de forma presencial, a distancia ou converténdoas nun agasallo de Nadal. Pola súa banda, o último dos eixos incide na formación, a profesionalización e a mellora da competitividade coa activación dun servizo de asesoramento e consultaría en liña e un plan de formación que contempla programas e bolsas en materia cultural.
A edición do 2021 recuperará os stands, aínda que manterá a transmisión dixital
Cunha resposta presencial que superou as expectativas habida conta de que so podían asistir veciños de Pontevedra e a súa contorna, xa se está a pensar na edición do 2021, que se desenvolverá do 26 ao 28 de novembro. «Se ben o obxectivo é recuperar a presenza de stands das empresas culturais e seguir sendo o punto de encontro anual do sector o vindeiro ano, a organización de Culturgal seguirá traballando no formato de retransmisión como idóneo para chegar a máis público», recoñeceron.
O emprego das tres canles de Youtube -Libro, Foro e Escena- deixou patente que «a recepción dos espectáculos e eventos a través dunha pantalla é un ferramenta moi potente para romper barreiras de acceso cultural. Máis de nove mil reproducións nas canles da Culturgal 2020 son un estímulo para a organización do evento de cara a seguir medrando a través da vía dixital».
En canto á asistencia presencial, e tendo en conta a limitación de aforos, preto de novecentas persoas acudiron aos máis de setenta eventos programados no Pazo da Cultura e Teatro Principal. A totalidade de películas proxectadas, o encontro de banda deseñada e a conversa con Manuel Rivas e Elba Pedrosa no Teatro Principal, os concertos de Susana Seivane, Cas Berlai, Luar na Lubre, A Central Folque e o espectáculo infantil de Pakolas no auditorio do Pazo da Cultura, a performance de Rosalía Fernández Rial e Marta Pérez ou Opera Break´s esgotaron as entradas postas á venda.