
Dende este luns e ata o vindeiro venres, 9 de abril, o Teatro Principal acollerá unha nova edición, a número 37, da Semana Galega de Filosofía, que se desenvolverá baixo a epígrafe de Filosofía e Civilización Dixital. A asistencia é aberta e gratuíta, aínda que, debido ás restricións sanitarias polo coronavirus, o aforo é limitado e por estrita orde de chegada, ademais de que se levará un rexistro de asistentes.
Todas as conferencias serán retransmitidas en liña, de tal xeito que os relatores estarán de xeito presencial a mañá do luns e as tardes da semana. O feito de introducir estes cambios fará que este ano a asistencia non será certificada como formación do profesorado nin como créditos ECTS homologados.
«A civilización dixital está de plena actualidade pola situación de pandemia na que estamos mergullados e onde cobrou peso o teletraballo, a formación e comunicación en liña e o espazo público foi substituído polo espazo dixital», destacou Alexandre Cendón, presidente da Aula Castelao.