«Son un animal de teatro»

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

CEDIDA

O pontevedrés Xulio Abonjo encadea nos últimos anos papeis moi relevantes en series tan coñecidas como «Serramoura» ou «Fariña», con películas da talla de «Ons», triunfadora nos Mestre Mateo

14 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Nos últimos tempos, o pontevedrés Xulio Abonjo intercalou interpretacións en series de renome, caso de Serramoura ou Fariña, con papeis igual de intensos en películas da sona de Ons, pola que estivo nomeado a un Mestre Mateo. Con todo, os seus comezos como actor estiveron ligados ao teatro: «Cando estudábamos bacharelato en Pontevedra non había escola e facíamos teatro afeccionado. Gozábamos moito e púñamos moito cariño e ilusión, pero ninguén pensaba adicarse a elo profesionalmente. Pensábamos que tíñamos que dedicarnos ‘a algo serio, a un traballo máis normal'. Á xente nova pareceralles que falo do Plistoceno. Si me preguntaban entón si me gustaría facer carreira no teatro, contestaría que si, pero pensaría nun sono, nada real».

O salto definitivo produciuse cando Xulio Abonjo desprazouse a Santiago a estudar inscribíndose na aula de teatro da Universidade. «Fixen un casting no Centro Dramático Galego e colléronme, actuei en varias curtas ata Galicia Express. E a partir de aí fun facendo. Foi algo moi natural. Tiven sorte», engade quen xa entón decidiu establecer o seu domicilio na capital galega.

A faciana do pontevedrés foise volvendo máis habitual nos fogares galegos grazas a pequenos e grandes papeis en series de televisión como Pratos combinados, Terra de Miranda, O Nordés, Padre Casares ou Hospital Real, mentres que no cine aparecía o seu nome en producións como O lapis do carpinteiro, Entre bateas, Mar libre, Blockbuster ou Os fenómenos. Dende o 2018 encadeou traballos de sona en Fariña e Serramoura, así como no filme Ons. «Cando estás metido en faena -sinala aludindo a estas producións-, o que te dis é: ‘Por favor, Abonjo, non a cagues'. Está todo tan bonito, tan ben estruturado de guión, de iluminación... Ves o curro dos compañeiros, que todo é unha engrenaxe na que tes que encaixar, pero, en lugar de pensar en facelo ben, dígome ‘non a cagues'».

A súa presenza en pantalla fixo que a escena teatral fose quedando nun segundo plano ata o punto que a súa última interpretación foi xa algúns anos da man da compañía Redrum Teatro e a obra Estas Aí?, de Alex Sampaio. «Facía de parella con Isabel Risco e paseino moi ben. O certo é que non me chaman, creo que me asocian co audiovisual. Todo o que sexa un espectáculo en directo con público é unha experiencia completamente distinta e moi bonita. Pero non me soen chamar moito», ao tempo que engade que «son un animal de teatro porque empecei aí. O primeiro que fixen foi teatro».

«Non hai que perder a cabeza polos premios, sobre todo cando non chos dan», incide, entre risas, aludindo ao feito de ter sido finalista nos Mestre Mateo en varias ocasións. «Sempre que son finalista vou por respecto ao proxecto, ao meu traballo, aos compañeiros e á persoa que me chamou para facer ese traballo», remarca rememorando a ilusión de gañar no Festival de Cans e noutros certames.

Abonjo non dubida en contestar cun «da que está por vir» cando se lle pregunta pola personaxe da que garda un mellor recordo. «Todas teñen algo especial, non só polas súas características, senón tamén polas circunstancias que rodearon a esa rodaxe ou a esa obra de teatro. De todas gardas porque de todas colles cousas e a todas apórtalles algo».

Novo traballo con Zarauza

Uns dos ámbitos onde máis notouse o efecto da pandemia do coronavirus foi no cultural. O covid provocou a suspensión de xiras e rodaxes, a cancelación de concertos e obras de teatro, o aprazamento de xiras... «Tiven a fortuna de que viña de currar bastante e digamos que fixen peto e ademais tiña paro, polo que puiden aguantar durante o confinamento», apunta. Recorda como naqueles primeiros días do estado de alarma «falaba non son con colegas actores senón con técnicos (...) e comentaban que como durase máis de quince días o confinamento, ían ter problemas. Neste sentido, síntome moi privilexiado. Tiven a sorte de estar aforrando sen saben o que ía chegar».

Transcorrido xa un ano daquel primeiro estado de alarma, na actualidade ten en proxecto unha nova película con Alfonso Zarauza, director de Ons. «É unha longametraxe non para cine, senón para televisión», sinala, pero o único que desvela é que coincidirá de novo con Melania Cruz -«faremos de parella»- e que leva por título Malencolia. En principio, a rodaxe comezará proximamente en distintas localidades do entorno da cidade de Ourense. «Pouco máis podo contar, non vaia ser que me boten», tira de retranca.