Coincidindo co vinte e cinco aniversario do lanzamento de A Irmandade das Estrelas, o primeiro disco de Carlos Núñez, o recoñecido músico embarcouse nunha xira que esta noite recalará en Marín. Iso si, dende a organización advertiron que, debido á previsión de choiva, non se descarta a posibilidade de trasladar o espectáculo dende o lugar orixinalmente programado -a Finca de Briz (Parque dos Sentidos)- ao auditorio do Colexio San Narciso de Marín. Segundo engadiron, a decisión tomarase o mesmo domingo pola mañá e publicarase de forma inmediata tanto nas redes sociais do Concello como nas do propio artista.
De igual modo, precisaron que, si finalmente confirmase o cambio, as entradas xa emitidas serán válidas. No caso de non estar de acordo co cambio de ubicación, poderase solicitar a devolución do importe pagado. Para iso deberá indicar a dirección de correo coa que efectuou a compra e a referencia das entradas. Dende Ataquilla engaden que «poñeremos todos os medios necesarios para axilizar as xestións e reducir os prazos de devolución».
En canto ao concerto, desde a promotora incidiran en que, este ano e como consecuencia das restricións polo coronavirus, «son tempos para concertos en plena natureza, que nos permitirán todas as medidas de seguridade e distanciamento. Estamos convencidos de que este sistema que iniciamos fai uns cinco anos, pode ser o futuro porque pon en valor o noso, é máis respectuoso co medio ambiente, afástanos das masificacións da vida moderna e, sobre todo, conéctanos coas mellores enerxías da tradición e a natureza».
Como consecuencia desta política, poñeranse á venda moitas menos entradas que de costume para asegurar o necesario distanciamento dos asistentes. O prezo das mesmas é de vinte euros máis gastos.