A cultura rende homenaxe en Pontevedra ás vítimas da ditadura franquista

PONTEVEDRA

cedida

Uxía, Sheila Patricia, Pedro Pastor, Wöyza, García MC, Su Garrido e Eladio Santos compoñen o cartel

31 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Co gallo do 85 aniversario dos asasinatos da Caeira e co obxectivo de render homenaxe ás vítimas das ditadura franquista, o vindeiro venres, 5 de novembro, o departamento de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra organiza a Gala da Memoria. Trátase dun evento musical e audiovisual aberto ao público que contará coa participación de Uxía, Sheila Patricia, Pedro Pastor, Wöyza, García MC, Su Garrido Pombo e Eladio Santos.

A asistencia é totalmente de balde, mais é preciso reservar praza -o Pazo da Cultura dispón de 772 como consecuencia das restricións sanitarias- no formulario dispoñible na web depo.gal.

Dende Memoria Histórica reseñaron que a cita pretende ser «unha nova oportunidade para visibilizar que a música é unha ferramenta poderosa e unha boa aliada da memoria histórica para reivindicar, xerar emocións, e conectar co público a través tamén do humor, rebeldía, irreverencia e compromiso». Deste xeito, ademais de exhibirse un traballo de videocreación de Juanma Lodo, as poetas María Lado e Lucía Aldao, compoñentes de Aldaolado, serán as encargas de conducir este acto «abordando a memoria na provincia a través de pequenos monólogos», ao tempo que van dando paso a varios «artistas que participaron no documental Acorda, rescatados tamén para a gala: Eladio Santos, Sheila Patricia e Su Garrido Pombo, así como Lois Pérez, guionista e condutor do documental, ademais de Uxía, que é a responsable da dirección artística do acto».

Dáse a circunstancia de que, no caso concreto de Eladio Santos, «ademais da peza do documental presentará algún tema novo dentro da temática da memoria, ao igual que Sheila Patricia, unha revelación para moito público pola súa capacidade de emocionar e trasladar sentimentos, algo que conseguiu en Acorda coa canción Manolo mío».

Pola súa banda, Su Garrido Pombo é unha das cantautoras máis sobresaíntes do panorama galego que produce e traballa con loops, «algo que permite unha sonoridade moi diferente que se une a un discurso moi comprometido». Xunto con Uxía, é responsable da banda sonora de Acorda.

Mais na Gala da Memoria tamén teñen cabida os considerados como talentos emerxentes, caso de Pedro Pastor, fillo de Luis Pastor e sobriño de Pedro Guerra, que actúa por primeira vez nunha gala en Galicia e o fará cunha «unha peza de moito impacto co seu vídeoclip titulado Los Olvidados, ademais de outras do seu último traballo Vueltas». Ao escenario do Pazo da Cultura subirase tamén Wöyza, quen está a traballar no proxecto The Galician Messengers co que rescata cancións da tradición galega e medieval, e García MC, outro dos talentos do hip hop galego «facendo gala do seu compromiso co idioma, a identidade e a memoria».