Culturgal, a recuperación da esencia feiral

nome apelido

PONTEVEDRA

LÓPEZ PENIDE

A programación prevé máis de 150 actividades culturais e anuncia a creación do Culturgal TV para acercarse á diáspora

20 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Reencontro e recuperación. Estas dúas palabras foron as que máis repetir este venres Víctor López, presidente da Culturgal, á hora de presentar este evento que se desenvolverá a vindeira fin de semana. Baixo o lema A cultura que toca, López remarcou que, tras dous anos marcados pola pandemia, «recuperamos a esencia feiral do Culturgal», ao tempo que deixou claro que «queremos recuperar o contacto dos artistas, das empresas, do público, aínda que seguiremos mantendo todo o que se construíu o ano pasado na parte de streaming, contidos dixitais...».

Nesta décimo cuarta edición «a reserva completa do espazo feiral, a afluencia de propostas que chegaron para construír a programación, o ritmo de venda das entradas da feira... fannos pensar que hai moitas ganas de Culturgal», remarcou, ao tempo que anunciou que están programadas máis de 150 actividades culturais ao longo da fin se mana.

Cento dezanove stands, máis de oitenta empresas con presenza física e un completo programa vinculado ao mundo do libro, da música, do cinema, das artes escénicas, da infancia e dos profesionais. Isto é Culturgal.

Foi Xosé Aldea, director da Feira, que debuxou polo miúdo a programación, que presenta algún cambio formal. O máis palpable e visible, o da xornada inaugural: «Nun ano tan complicado coma este e atendendo á nosa vontade de ser útiles, habilitamos esta xornada para montaxe de stands, para que as empresas non se visen tan apuradas como outros anos para ter todo montado a primeira hora do venres. Así que non se poderá acceder ao recinto feiral o venres, pero teremos programación no Espazo Foro da Feira, ao redor dos grandes temas do sector e das preocupacións xurdidas tras a pandemia, non só destinados ao público profesional senón a toda aquela persoa interesada, con entrada gratuíta».

Ademais, anunciou o nacemento de Culturgal TV, proxecto que xorde coa idea de aproximar as actividades que se desenvolvan non só aos galegos que non se poidan acerca a Pontevedra, senón tamén á diáspora.

Aldea, no relativo á programación, destacou que esta espallarase por diferentes escenarios: Foro, Libro, Infantil, Cinema e Auditorio, este último para teatro e música ao vivo. «O programa é amplísimo», recoñeceu aludindo á presenza de, entre outros moitos nomes propios, Manuel Rivas, Ledicia Costas ou o Colectivo Rompente. De igual xeito, destacou o feito de que Tanxugueiras escollesen a feira como final da súa xira Contrapunto ou que o Culturgal vaia ser espectador de excepción da nova película de Alfonso Zarauza, Malencolía. E todo iso, sen esquecer ao público infantil e familiar con propostas como a do CSIC Galicia de Ciencia á Feira ou a exposición Kinétiko.

Na presentación desta nova edición estiveron tamén presentes Victoria Alonso, deputada provincial de Cultura da Deputación de Pontevedra, Jacobo Sutil, director da Agadic, e Carme Fouces, concelleira de Cultura de Pontevedra.