Andrea González reinterpreta a música do monxe Rosendo Salvado no Museo
PONTEVEDRA
Esta tarde, o Edificio Castelao do Museo de Pontevedra acollerá o prelanzamento do disco Salvado Piano Works, no que a pianista e xestora cultural Andrea González interpreta música para piano do monxe beneditino galego Rosendo Salvado. Esta iniciativa enmárcase no ciclo Salvado en Ruta, subvencionado pola Deputación de Pontevedra e Turismo Rías Baixas, co que a obra de Andrea González chegará do 15 ao 20 de decembro a diferentes concellos da provincia «para unir patrimonio e música coa vontade de compartir o legado cultural e natural da provincia».
De igual xeito, recalará o 18 de decembro na cidade lusa do Porto dentro do marco da Mostra Espanha, organizada polo Ministerio de Cultura, no que participará como convidada a soprano Leonor Bonilla.
Con este traballo, Andrea González recupera a música de Rosendo Salvado, «fundador da única cidade monástica de Australia e pioneiro na defensa dos dereitos humanos dos aboríxenes. Un personaxe ecléctico que negociaba con reis e papas, convivía con tribos indíxenas e consideraba a música epicentro da súa misión», destacaron dende o Museo.