«Inventio», o espectáculo circense baseado no Camiño chegará a Pontevedra en novembro

Alfredo López Penide
L. Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

CEDIDA

As entradas poden adquirirse xa cunha rebaixa dun 30 %

30 may 2022 . Actualizado a las 19:54 h.

A través da web www.inventio.gal, xa se poden adquirir as entradas para Inventio, o espectáculo de gran formato con ilusionismo, danza, artes circenses e música inspirado no Camiño de Santiago que chegará ao auditorio de Afundación de Pontevedra do 11 ao 13 de novembro. Deste xeito, o público pode adquirir os seus billetes, cun prezo reducido dun 30% de desconto até o 17 de xuño.

«Ilusionismo, levitacións, equilibrios, malabares, números aéreos, animación audiovisual, composicións de música tradicional galega fundidas con sons electrónicos... Todo isto e moito máis é Inventio», destacaron dende a organización. Ao tempo, comprometéronse a «unha experiencia sensorial a un ritmo vertixinoso e con ecos do cinema futurista de Stanley Kubrick, Ridley Scott ou Denis Villeneuve, que non é máis ca unha viaxe cara a todo iso que nos fai humanos: a nosa capacidade de sentir».

Baixo a dirección creativa do mago Martín Varela, trátase dunha iniciativa da promotora galega Thinking Up Events, a Xunta de Galicia, a través do programa Xacobeo 21-22, e a Fundación la Caixa, co apoio de Sargadelos. Inventio nace co obxectivo de servir de «vehículo de coñecemento e divulgación do Camiño de Santiago e da cultura galega a través dunha historia de buscas e encontros, apta para público familiar e adulto. Trátase dun espectáculo que dota o noso patrimonio cultural dun enorme poder simbólico».

A dramaturxia corre a cargo de José L. Prieto, mentres que o equipo creativo e artístico está formado por máis de corenta persoas, entre elas seis bailaríns e sete artistas circenses e mais o propio Varela, que exercerá de guía do espectáculo. De igual modo, e entre outros profesionais, ao fronte da dirección artística, Suso Montero; na dirección de maxia, Fani Triana e Martín Camiña; e na de circo, Jorge Miquel.