![](https://img.lavdg.com/sc/mXVmNcgSRX-aUhVlYCMS_itO39o=/480x/2022/06/18/00121655570883059843833/Foto/PJ19C10F1_184714.jpg)
Xornada de clausura do Encontro Luso-Galaico de Festivais Audiovisuais
19 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Coa intervención de Ángel Sala, director do Festival Internacional de Cine Fantástico de Sitges, clausurouse onte na Deputación de Pontevedra o primeiro Encontro Luso-Galaico de Festivais Audiovisuais. Previamente, e baixo o título de A diversidade editorial, celebrouse unha mesa de debate moderada por Severiano Casalderrey, do FICBueu, e coa participación de Nuno Rodrigues, do Curtas Vila do Conde; Alfonso Pato, do Festival de Cans; Johnny Marques, de CINANIMA (Festival Internacional de Cinema de Animação de Espinho); Ana Gondad, do Festival Primavera do Cine en Vigo; e Darío Oliveira, director do Porto/Pos/DocFilm & Media Festival.
![](https://img.lavdg.com/sc/w6FzepjLbkaAe24u3UWzNy3j5GU=/480x/2022/06/18/00121655570883791633590/Foto/PJ19C10F1_184722.jpg)
Precisamente, este último salientou que «o gran desafío dos festivais é traballar para atraer a nenos, que deixen as plataformas dixitais, e vivan presencialmente o cinema e repitan ano tras ano». As súas palabras foron recollidas por Ana Gondad, quen recordou que o Primavera do Cine ten «unha sección dedicada ao público infantil cun xurado formado por cinco nenas e nenos. O resultado é marabilloso. Elas mesmas e eles mesmos entregan o premio cunha xustificación. A súa implicación é incrible».
![](https://img.lavdg.com/sc/0FF-QC8sp8vQSefi6AI182vFcb8=/480x/2022/06/18/00121655570883665637135/Foto/PJ19C10F1_184729.jpg)