Lecturas terroríficas para gozar de medo durante o Samaín

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

LEGRET

Preguntamos a tres editoriais de Pontevedra polas súas recomendacións para esta data

29 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Lobishomes, vampiros, pantasmas e, incluso, pitos zombis. Aínda que non publican libros especificamente pola festividade de Samaín, o certo é que as tres principais editoriais pontevedresas teñen publicada moita, e moi boa, literatura terrorífica. «Traballamos cos contos de medo sempre porque é unha emoción que hai que traballar, pero o mercado fai que estes contos de medo se movan agora», sinala Marisa Núñez, de OQO, deixando claro que son lecturas que teñen que estar graduadas en función da idade.

No caso desta editorial, recomendan para os máis pequenos contos como Que susto!, O señor Ramón e a Señora Ramona ou Cocorico. Trátase de obras «onde están descubrindo a emoción do medo, pero tamén gozando con ela (...). Ensinan que o medo non te pode paralizar e abren camiños de descubrimentos. É unha aprendizaxe para a vida, que é para o que son os contos de medo».

A medida que os nenos medran, as lecturas vólvense, por así dicilo, máis terroríficas, caso de Corre corre, cabaziña, para idades de entre 3 a 6 anos, mentres que outro título que «a nós nos encanta, que no seu momento foi censurado» é A bruxa regañadentes. «Aquí hai unha bruxa que mete moitísimo medo porque, entre outras cousas, ten os dentes de ferro, come nenos e fai muros cos seus ósos. É terrorífico. ¿E gústalle aos nenos? Encántalles», incide Marisa Núñez, apuntando que outras posibles opcións para ler en Samaín son O Papón, Carabuñas, A figueira de Pelostortos ou O ano que os pitos perderon a cabeza, unha trasnada, «unha burla de todas as convencións que teñen que ver co ciclo vital».

De igual xeito, quen busque unha temática máis seria ten Jack e a morte: «Fala da morte estritamente, de morte como inherente á vida. Non pode haber vida sen morte e, dalgunha maneira, axuda a entender iso», engade recordando que todas as obras publicadas por OQO son de creación propia, «non hai nada importado».

«Os contos de medo ofrecen ferramentas e un punto de seguridade para que os pequenos poidan, entre comillas, xogar a explorar territorios descoñecidos ou non transitados», acota Xoán Couto. «O motivo de ler contos de medo, non porque estea de moda ou porque sexa Samaín, ten que ver coa necesidade de medrar e de enfrontarse aos problemas», conclúe.

LÓPEZ PENIDE

Pola súa banda, conscientes de que é «o día máis terrorífico do ano», dende Kalandraka, outras das editoriais de Pontevedra, recomendan «catro títulos para celebralo con esqueletos, vampiros, morcegos… e moito humor!». Así, por unha banda, están Os esqueletos divertidos, de Janet & Allan Ahlberg, ou Rufus, o morcego que adoraba as cores, de Tomi Ungerer, e, por outra, Un pesadelo no meu armario, de Mercer Mayer.

Pero tamén o Brinca vai!, de Paco Nogueiras e David Pintor, que non sendo de medo, si que é certo que unha das cancións titúlase No Samaín.

E, xa por último, pero no por elo menos importante, a editorial Cumio ten unha colección centrada nas meigas con catro títulos publicados: «Se o ano pasado A bruxa Selana e Non sempre fun unha bruxa fixeron as delicias dos críticos máis sinceros, este ano esa labor será cousa de Enga, unha bruxa prehistórica e de Cleo e Duflós», sinalan. Ao tempo, destacan que «o O público infantil atopará nestas obras dúas historias de meigas cheas de valores e de situacións do máis inverosímil».

Outra opción, máis divulgativa, se cabe, podería ser tamén De festa en festa. Contos e tradicións de diferentes puntos da península Ibérica.