A Xunta avanza en Culturgal a oferta internacional do Centro Dramático

Marcos Gago Otero
m. gago PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Ensaio dunha obra do Centro Dramático Galego
Ensaio dunha obra do Centro Dramático Galego PACO RODRÍGUEZ

A proxección exterior galega esténdese a uns dez países

27 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O Centro Dramático Galego protagonizou en Pontevedra unha das presentacións da terceira xornada da feira Culturgal, onde se detallaron as diferentes accións de internacionalización da escena galega impulsada pola unidade de produción teatral da Xunta. Tamén se avanzaron os proxectos que porá en marcha no 2023 co obxectivo de «continuar afondando na proxección exterior do noso teatro e dos seus profesionais».

Os directores da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e do Centro Dramático Galego, Fran Núñez, expuxeron no Espazo Profesional este programa que se estende a unha decena de países, a través da implicación da compañía pública en dous proxectos europeos e noutros de intercambio, ademais de xiras e a presenza en festivais con producións propias e coproducións.

A montaxe da compañía pública O charco de Ulises é unha das catro finalistas a mellor espectáculo estranxeiro nos Premios Florencio da Asociación de Críticos Teatrais de Uruguai, como resultado das representacións ofrecidas o ano pasado en Montevideo. Núñez subliñou que o Centro Dramático Galego está intensificando lazos con institucións, compañías e festivais portugueses. Outro dos eixes é reforzar o papel de Galicia como ponte entre América e Eurasia. Hai en marcha iniciativas de formacións galegas con colectivos de Turquía, Francia, Gran Bretaña, Irlanda e Portugal.

A Xunta é a principal entidade patrocinadora de Culturgal e neste evento tamén se leva a cabo obradoiros, sorteos e actuacións de danza, música e maxia.