O Club de Waterpolo de Pontevedra feminino, premio Femupo no eido deportivo
PONTEVEDRA
Os Premios Mulleres Femupo reuniron no auditoriao de Torroso de Mos a distintos representantes de organismos locais, provinciais e autonómicos, así como de entidades, asociacións e organizacións que traballan pola igualdade. De feito, a Federación Pola Igualdade da Provincia de Pontevedra (Femupo) entrega cada ano estes galardóns co obxectivo de visibilizar ás mulleres e entidades pontevedresas que, desde o seu eido, sexa o cultural, o deportivo, o social ou o laboral, rachan cos estereotipos de xénero e promoven a igualdade.
Nesta edición, foron galardonadas Diana Lameiro, de Lingoreta, o Centro de Información á Muller (CIM) de Mos, as Cantareiras Madialeva e o Club de Waterpolo de Pontevedra feminino.
No caso destas últimas, que foron premiadas na categoría deportiva, puxose de relieve o feito de que «vén de facer unha temporada de récord ao lograr o ascenso á Primeira División Nacional, converténdose no primeiro equipo galego que compite nesta categoría. Ademais, o pasado mes de outubro declaráronse campioas da Supercopa Galega Feminina».
A presidenta de Femupo, Raquel Touriño, destacou que todas as premiadas son «referentes» do compromiso cunha sociedade máis igualitaria e libre.