A edición deste ano pivotará en torno á idea de Filosofía e arte, e contará con, entre outros, os músicos Fermín Muguruza e Santiago Auserón
09 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Co título de Certamente é estraño que a Terra xa non sexa habitábel!, o catedrático de Filosofía da Universidade de Murcia, Francisco Jarauta, pronunciará este luns en Pontevedra o relatorio inaugural da 39 Semana Galega de Filosofía, que pivotará en torno á idea de Filosofía e arte. As diferentes conferencias deste evento organizado pola Aula Castelao desenvolveranse no Teatro Principal de Pontevedra, de tal xeito que na inauguración está prevista a asistencia do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, a vicerreitora do campus de Pontevedra, Eva María Lantarón Caeiro, e o presidente da Aula Castelao, Alexandre Cendón.
Xa na sesión de tarde, onde programáronse ao longo da semana charlas asociadas a Galicia, contarase coa intervención de María Novas, arquitecta e doutoranda en Historia e Teoría da Arquitectura na Universidade de Sevilla, quen disertará sobre a Arquitectura e xénero: sobre a xerarquía de valores na produción de espazos para a vida. Pola súa banda, o artista visual Francesc Torres abrirá as sesións de noite da Semana Galega de Filosofía con Contra natura. Cando a Historia devén contido artístico ou a imposibilidade (case) de explicar sen decorar.
Durante os próximos días distintos conferenciantes, entre os que se atopan o músico e cineasta Fermín Muguruza e o tamén músico e doutor en Filosofía Santiago Auserón, abordarán a arte como «actividade simbólica que nos acompaña dende o limiar dos tempos, en paralelo ao pensamento e a linguaxe, as outras expresións simbólicas coas que representamos o mundo e a realidade», segundo debullou Alexandre Cendón na presentación destas xornadas.