Ata o vindeiro 16 de xullo, a sala de exposicións do Palacete das Mendoza de Pontevedra, sede de Turismo Rías Baixas, acolle a mostra Cuando el alma se hace paisaje, da artista Ángeles Mera. Trátase dunha «recompilación de cadros sinxelos, intimistas e cun punto de melancolía, próximos á realidade e con referencias inmediatas ás paisaxes da Galicia rural e mariñeira, pero á vez con ápices de indefinición e de evanescencia».
Por tanto, engadiron dende a Deputación de Pontevedra, é unha «colección moi persoal na que as paisaxes están exentas de grandilocuencias nin monumentalidades, senón que máis ben simulan documentos. A súa sinxeleza plásmase a través dos verdes neutros, amarelos ocasionais e laranxas aurorais, cores elaboradas dun xeito paciente e amoroso na soidade do seu estudo».