A gaita de Óscar Ibáñez e a súa tribo, á conquista de Francia e Alemaña
PONTEVEDRA
Actuarán esta fin de semana no Rudolstadt Festival e na vindeira no Le Son Continu
06 jul 2023 . Actualizado a las 09:16 h.Despois de que o pasado 23 de abril iniciara a súa nova xira en Portas bautizada como Da Terra e na que repasa algúns dos temas dos seus traballos Alén do mar e Aires de Pontevedra, Óscar Ibáñez afronta esta fin de semana a súa gran cita internacional: el Rudolstadt Festival, en Alemaña. Acompañarano a súa tribo: Suso Iglesias (acordeón), Paula Gómez (violín), Xosé Liz (bouzouki), Paco Dicenta (baixo), Carlos Castro (batería e percusión), Teresa Gómez (zanfona), os gaiteiros Xosé Romero, Andre Rodríguez, Álvaro Puga, Gloria Cespón e Adrián García, e Ezequiel Orol (técnico de son).
«É un macrofestival que durante catro días alberga unhas trescentas actuacións, dentro de concertos, workshops, postas en escena..., distribuídas por toda a cidade», destaca o gaiteiro pontevedrés aludindo a que veñen artistas e agrupacións de todo o mundo. «O nexo común é a música de raíz, a world music».
«Falamos de que o día de 2 de xullo subiron a nova de que esgotaran os vinte mil tiques que saíron á venda. Para nós é unha oportunidade de estar nun entorno top internacional, pero, ademais, danos a posibilidade de visibilizar a nosa proposta. Pode ser unha porta, unha fiestra para outros programadores porque vai haber moito público especializado», explica antes de revelar que levarán «unha proposta dinámica, enérxica e darémolo todo», apunta ao respecto.
Neste punto, precisa que nun festival, dado que os tempos están moi marcados, terán que levar un espectáculo condensado, toda vez que «o repertorio que temos é máis amplo que unha proposta de hora e media. Temos que seleccionar os temas en función de onde imos. Non é o mesmo unha actuación nun interior, nun auditorio, onde ao mellor da para escoitar algúns temas máis tranquilos, que nun exterior, con xente de pé e no que tes que o dar todo en oitenta minutos. Buscamos que as interrupcións, os silencios sexan os mínimos», incide matizando que en Rudolstadt «só hai un tema, e para iso non é un, senón a metade, que é unha balada».
Minutaxe rigorosa
«A minutaxe é absolutamente rigorosa», insiste rememorando como, días atrás, ao terminar o seu concerto no festival Folkomillas, o público pediu un bis: «Por respecto ao festival, por respecto ao artista que nos seguía, agradecémolo moito e xustificamos que non podíamos tocar un tema máis».
En todo caso, Óscar Ibáñez apostará, como o ven facendo nesta xira, por música cen por cen en directo. «A música folk tampouco é allea ao fenómeno das bases, das programacións... pero nós optamos por manter o 100 % ao vivo, en directo», circunstancia que explica, en gran medida, o desprazamento a totalidade da tribo a Rudolstadt.
Este festival antecederá a outra das grandes citas que afrontará Óscar Ibáñez este mes de xullo, el Le Son Continu, que se desenvolverá na localidade francesa de La Châtre entre o 13 e o 16. «É outro macrofestival das mesmas características que o de Rudolstadt. Leva máis de trinta anos e sempre destacou porque era a cita europea máis importante de luthiers e artesáns de instrumentos. De feito, varios luthiers galegos xa me chamaron dicíndome que nos veríamos alí», sinala en relación cunha cita que segue a manter a filosofía de antano, de tal feito que a presenza de luthiers arrastra a moitos músicos.
Neste punto, Ibáñez subliña o feito de que ambas citas son de pago, circunstancia que entende que pon máis en valor o que se amosa neles. Neste sentido, avogou por imitar isto nos festivais galegos de música folk: «Que a xente saiba que debe pagar pola música do país igual que paga por un abono do Son do Camiño ou por un partido do Celta contra o Barça. Logo pode estar na totalidade ou en parte subvencionado ou apoiado, iso paréceme ben», apunta convencido de que unha porcentaxe moi grande dos asistentes a eventos gratuítos «pasaba por alí».
¿E despois que? Tras ambos festivais, Óscar Ibáñez ten no calendario actuacións no Raba Folc (11 de agosto), na localidade lucense de Rábade, unha minixira por distintas poboacións do interior da provincia de Teruel dentro da programación do Festifalk ou na Festa Folk Fin do Camiño de Fisterra (20 de agosto), que será a súa última cita en Galicia antes de continuar por Valongo (Portugal) ou no Festival Internacional Celta Reino de León.