Tiña decidido apartarme de todo o ruído que rodea ao Museo de Pontevedra e esquecer as opinións que, en diferentes comparecencias, leva deslizando nos últimos días o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, o Sr. Domínguez. Segundo el, a proposta de desenvolver no interior do complexo conventual de Santa Clara o que denomina Laboratorio de Arqueoloxía é algo que non se fundamenta na razón senón nun interese persoal que ten que ver coa miña condición de arqueólogo. Unha opinión persoal desafortunada, pero pouco máis. Agora ben, as declaracións realizadas na súa última rolda de prensa na igrexa de Santa Clara son algo moito máis grave. Non é posible escoitarlle falar de vandalizar os xardíns para facer un almacén, de definir a intervención como unha catástrofe sen igual ou de oírlle que non podía permitir que calquera pedra que se atopase na provincia se subira a un camión para ser almacenada en Santa Clara sen sentir tristura e carraxe a partes iguais. Estas opinións, que farían ruborizarse a alguén que sentise un mínimo cariño ou apego polo noso patrimonio cultural, son impropias de alguén que ten a responsabilidade política de xestionar un museo. Amosa unha hostilidade tan gratuíta e un descoñecemento tan grande que me vexo na obriga, por razóns persoais e profesionais, de saír á opinión pública e dar a coñecer algúns detalles relevantes que xustifican o traballo realizado. Sobre todo porque, a diferencia doutros, entendo que por moito que se repita unha mentira non ten por que converterse nunha verdade.
Debería saber a estas alturas o vicepresidente da Deputación de Pontevedra que eu non accedín á dirección do Museo de Pontevedra por ser arqueólogo, senón por gañar por unanimidade do tribunal cualificador unha convocatoria pública á que podían presentarse profesionais con experiencia en xestión e estar en posesión de diferentes titulacións relacionadas coas humanidades. Así, para a miña selección tívose en conta tanto o meu currículo profesional como o proxecto de dirección e organización do Museo que eu presentei e non a miña condición de arqueólogo.
A partir da planificación estratéxica, o Plan Xeral de Actuación que eu presentei para o Museo de Pontevedra definiu tanto a misión como a visión e os valores que cría que debían orientar a práctica diaria do museo, como os obxectivos a satisfacer, que foron agrupados en dez liñas estratéxicas e desenvolvidos con trinta e cinco accións diferentes. Debe saber o Sr. Domínguez que ningunha delas, ningunha, tiña que ver co edificio arqueolóxico porque, inxenuo de min, non podía imaxinar as condicións nas que se atopaba a colección arqueolóxica nun edificio, o Castelao, de tan recente creación. Só cando en maio e xuño de 2019 realizamos un diagnóstico da situación na que se atopaban os fondos arqueolóxicos comezamos a pensar en como solucionar un problema que xa, nesas alturas, era crítico.
Non debe perderse de vista que no Museo de Pontevedra a colección arqueolóxica é a única que crece semana a semana pois é o centro de referencia para o depósito dos materiais procedentes das intervencións arqueolóxicas que se realizan na maior parte do territorio provincial. Debe terse en conta tamén que, pola súa propia natureza, existen notables diferencias en canto á súa tipoloxía, materiais, dimensións e esixencias medioambientais que, finalmente, acaban por xerar dificultades para o seu axeitado depósito dentro das salas de reserva.
A pesar do que puidera parecer, a falta de espazo para depósito das coleccións, especialmente a arqueolóxica, é crítica a día de hoxe ata o punto de que non se tardará en rexeitar novos depósitos, e non só de arqueoloxía, por incapacidade para asumilos. E isto é así incluso despois do extraordinario traballo levado a cabo durante estes anos polo equipo de conservadores e conservadores-restauradores do Museo para compactar e optimizar o depósito de arqueoloxía, o que permitiu gañar tempo e espazo a corto prazo e mesmo corrixir problemas de seguridade derivados da presenza de palés e caixas de materiais ocupando pasadizos e vías de evacuación. Sirvan un par de datos para entender a verdadeira dimensión do problema. O volume xerado polos depósitos arqueolóxicos só durante o decenio 2010-2019 foi de 1.301 euro-contedores (40-60 litros) para materiais de pequeno formato e 29 palés para materiais de mediano e gran formato. Ademais, a colección arqueolóxica crece a un ritmo variable de entre 50 e 100 euro-contedores anuais se ben se producen picos que exceden, con moito, este ritmo anual, como aconteceu en 2012 (306 caixas) ou 2017 (276 caixas). Pero é que, ademais do paulatino crecemento anual, existe unha previsión real de que nos próximos meses se entreguen algúns importantes depósitos pendentes de formalizar que, nun cálculo rápido, exceden dos 1.200 euro-contedores e de decenas de palés.
Son evidentes tamén os problemas de conservación preventiva que afectan á colección arqueolóxica derivados, principalmente, dun mal deseño do programa funcional do edificio Castelao e da disposición da mesma no soto -2, orixinariamente pensado como garaxe para vehículos e non como salas de reserva. Como consecuencia desta circunstancia os espazos que acollen o depósito de arqueoloxía, ademais de ser escasos, carecen de control de temperatura e humidade, non dispoñen de ámbitos específicos para a conservación de materiais que esixen unhas condicións ambientais máis estritas como orgánicos ou metálicos, ou vense atravesados por conducións de auga que poden afectar negativamente á colección.
Pero é que, a maiores, o Museo de Pontevedra carece das áreas funcionais imprescindibles para poder xestionar axeitadamente a colección arqueolóxica, algo inaudito nun museo próximo a cumprir o seu centenario que acolle fondos desta natureza. Aquí non é posible, por exemplo, lavar o material arqueolóxico procedente das intervencións arqueolóxicas, nin estendelo para o seu siglado, fotografado ou reintegración. Tampouco é posible recibir en condicións dignas aos arqueólogos que veñen a entregar ou estudiar os materiais que se atopan nas salas de reserva por ausencia de áreas de traballo apropiadas. Tampouco se dispón dunha reserva visitable na que algúns bens senlleiros, como os miliarios actualmente confinados nun saco sen fondo do Edificio Sarmiento, poidan ser accesibles ao público. E máis grave é, aínda, ter aos responsables dos fondos arqueolóxicos, conservadores e conservadores-restauradores, traballando nun garaxe, nun soto -2 que carece de luz e ventilación natural. A todas estas deficiencias pretendía dar unha resposta axeitada o Centro Arqueolóxico, concibido para seguir o paso doutros museos de referencia.
E polo que aos espazos exteriores das edificacións de Santa Clara se refire debe saberse que non chegaron ata nós como se fosen un verxel primixenio saído directamente da Idade Media. Non, son uns ámbitos degradados que sufriron nas últimas décadas unha profunda transformación e que presentan un estado fitosanitario lamentable, con múltiples pés arbóreos mortos ou nunha situación irrecuperable.
Esa idílica paisaxe medieval só existe no noso imaxinario e no rexistro arqueolóxico. Pero non se engane, sendo conscientes de que era necesario intervir nos espazos de horta, pomar e bosque, para nós recuperar a esencia destes espazos, manter o seu carácter íntimo e recollido e respectar a súa esencia e configuración histórica tamén era unha prioridade absoluta que, sen dúbida, se plasmarían no proxecto de paisaxismo.
Pola miña formación creo profundamente no disenso, no dereito a opinar diferente, pero valoracións tan desafortunadas como as aportadas polo vicepresidente da Deputación de Pontevedra constitúen unha total falta de respecto aos diferentes técnicos do Museo e da Deputación de Pontevedra que participamos na configuración da intervención no complexo conventual de Santa Clara, modélica en non poucos aspectos. Tamén supón unha desconsideración gratuíta e irresponsable ao xurado que valorou as propostas seleccionadas, integrado por profesionais de longa traxectoria e recoñecido prestixio internacional no ámbito da arquitectura e da museoloxía e, sobre todo, ao estudio de arquitectura gañador do concurso, Nieto Sobejano Arquitectos, internacionalmente recoñecido pola súa exquisitez no deseño de museos e no tratamento das rehabilitacións históricas que realizan por todo o mundo.
Recoméndolle unha visita á súa páxina web para que poida descubrir por si mesmo a sensibilidade que guía todos os seus proxectos, recoñecer a perda que supón para o Museo de Pontevedra e a nosa cidade a renuncia ao seu proxecto e intuír a gravidade do dano reputacional que para a Deputación de Pontevedra representa anular o concurso internacional.
Son consciente de que o responsable político do Museo de Pontevedra non ten por que saber todas estas cousas, pero debería informarse axeitadamente antes de opinar. O Centro de Xestión Integral da Colección Arqueolóxica do Museo de Pontevedra non era un capricho de arqueólogo senón unha proposta de futuro baseada na análise, a reflexión crítica e as necesidades reais do Museo de Pontevedra seguindo experiencias de éxito desenvolvidas noutros lugares de España e Europa. Pense que aínda que a arqueoloxía leva tempo amortecida nos sotos do Edificio Castelao non sempre foi así. Houbo momentos nos que esas pedras recollidas polos nosos montes, que tanto desgustan ao vicepresidente, foron levadas ao Museo por estudosos e colaboradores enchidos de orgullo que contribuíron a facer do Museo de Pontevedra o que hoxe é.
Oxalá que as decisións que no futuro poida tomar o Sr. Domínguez sexan tan meditadas e reflexivas como o foron as nosas. Eu, aquí o deixo. Que vaia ben, o Museo de Pontevedra meréceo!