«Ser candidata a recibir un destes premios significa que o voso traballo transcende», precisou Luis López
20 oct 2023 . Actualizado a las 22:00 h.Presentáronse vinte candidaturas procedentes de distintos ámbitos do audiovisual, caso da fotografía, a dirección ou a produción. A gala Mulleres no Foco, que impulsada pola Deputación de Pontevedra e a Asociación de Mulleres Cineastas e de Medios Audiovisuais (CIMA) celebrou este venres a súa terceira edición, premiou ás actrices Mariana Carballal e María Vázquez, e a produtora Beli Martínez.
Desta última, o presidente Luis López resaltou que «é unha pioneira da sétima arte» e, como tal, foi quen de abrir camiños para as novas xeracións. De igual modo, destacou o compromiso de Mariana Carballal coa cultura e co cinema percíbese en «todos os eidos: á dirección, á docencia, á animación sociocultural, á televisión e tamén á gran pantalla». Pola súa banda, o «rostro familiar» de María Vázquez é un poder que a artista viguesa emprega para exercer de referente na «visibilización da muller no audiovisual».
Luis López asumiu durante a súa intervención que «aínda queda camiño para que a igualdade deixe de ser un desexo», polo que non dubidou en compartir cos as sitenes unha reflexión: «Está moi ben considerar a igualdade como unha meta, sempre que traballemos incansablemente para cruzala algún día de verdade. Todas e todos».
O presidente da Deputación de Pontevedra tamén tivo palabras para as restantes candidatas aos Mulleres no Foco: «Ser candidata a recibir un destes premios significa que o voso traballo transcende, e que a vosa obra é moito máis que unha moi boa produción».
En todo caso, lamentou que aínda quedasen persoas «cun foco demasiado cativo para entender que na igualdade, cantas máis visións, cantas máis complicidade, canta máis pluralidade, mellor».
Derrubar barreiras
Entre os asistentes á gala desta terceira edición, a conselleira de Igualdade, Elena Rivo, quen destacou a importancia das voces femininas do audiovisual «para narrar a complexidade do ser humano en toda a súa diversidade». Os seus parabén non só se dirixiron ás tres gañadoras, senón que os fixo extensibles ao resto de candidatas por inspirar a futuras xeracións de creadoras e por demostrar, con feitos, que as barreiras de xénero neste sector «están feitas para ser derrubadas».
Rivo enfatizou a necesidade de que a sociedade recoñeza a forza do cinema en feminino e a apoie, ao tempo que felicitou ás nominadas pola súa paixón e valentía, co afán, dixo, de que o certame sirva de chamada á acción para que a igualdade e a representación feminina no sector sexa unha realidade palpable.