Os rapaces do pop electrónico que puxeron patas arriba Culturgal 

María Hermida
María Hermida PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Deputación de Pontevedra

Lontreira, grupo revelación da música galega, sorprendeu ao público en Pontevedra facendo soar o seu «Campo da festa»

05 dic 2023 . Actualizado a las 14:06 h.

Chámase Lontreira e, quen non os coñeza agora mesmo, debería mirar tal cousa. Porque é un dos grupos emerxentes da música galega, porque tiveron un pé no Benidorm Fest e porque a súa proposta de pop electrónico en galego triunfa en Spotify pero, sobre todo, porque alí onde van son quen de poñer todo patas arriba. Pasou así esta fin de semana no Culturgal, a gran feira da cultura de Pontevedra, onde chegaron contratados pola Deputación de Pontevedra e onde o sábado pola tarde fixeron que o público revirase a cabeza cara o stand da institución provincial para ver quen eran os artífices daquela música.

Eles, Lontreira, son Adriana Cores (da Illa de Arousa), Héctor Rodríguez (de Moaña) e Iván Barral (de Meis), aínda que o sábado cambiaron a Héctor por outro compañeiro, Víctor Gómez.

Chegaron ao Culturgal coa súa Campo da festa e público de todas as idades foi apurando os pasos para velos. A voz de Adri, que levaba posta unha saia que mercara na propia feira Culturgal —deseñada por Adanegra, un taller de artesanía téxtil situado en A Guarda—, soaba entón no recinto feiral. Conta ela que tiveron que adaptar o seu formato, que non tiñan nin o seu equipo de son nin as súas luces, pero que o resultado os deixou ben contentos: «Foi unha sorpresa total, pensabamos que ía ser unha actuación máis da andar pola casa e a verdade é que acabou sendo moi seguida. Foi ben bonito o que aconteceu».

Adri explica que cada vez ven ao público máis aberto a novas formas de facer música: «Estamos no momento postureo, na era das redes sociais. Ser diferente está ben visto e escoitar música distinta tamén», indica entre risas. E agradece o camiño aberto polas Tanxugueiras: «O seu bum foi importante, claro que si».

Lontreira xurde cando estes tres músicos, que coincidiran de festa na zona de Churruca de Vigo, gañaron o concurso de canción do verán da TVG. A partir de aí chegou o seu disco, comezaron a sumar actuacións importantes e agora mesmo son un dos fenómenos emerxentes da música galega. Adri ten 22 anos e é camareira, estuda un ciclo de FP e tamén idiomas; Héctor conta con 22 anos e tamén combina a formación académica coa súa achega ao grupo. E Iván, o máis vello, de 29 anos, traballa de técnico superior de telecomunicacións.