O Galegote: volve o rock en galego aos bares de Pontevedra

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

CONCELLO DE PONTEVEDRA

A edición máis internacional deste festival contará cunha homenaxe a Dany Moure e a presenza de artistas portugueses

27 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Co selo que significa xa de por si ser nomeado na once edición dos Premios Martín Códax da Música na categoría de Festivais —compite co EmigraSON e As Nosas Músicas de Couso—, este sábado Pontevedra volverá mover as cadeiras co Galegote, que se presenta «de novo como unha xornada imperdíbel para os amantes da música». Dende o Concello engadiron que nesta ocasión, a cita «cristaliza nunha xornada onde as voces e as melodías galegas son as protagonistas, recuperando os bares como os escenarios principais para presentar as cancións e, como non, gozar das mesmas».

Deste xeito, están programadas até catorce actuacións distintas nunha ducia de locais do casco histórico, así como no Campiño de Santa Maía. Neste eido, o concelleiro de Cultura e Normalización Lingüística, Demetrio Gómez, lembrou que co Galegote «case se pode dicir que dá comezo a tempada de festivais», aseverou.

Así, este 27 de abril «volvemos gozar cun festival que ten como fío condutor a lingua galega», apuntou, ao tempo que deu conta das novidades deste ano, como son á volta a condensar todo o programa nunha única e intensa xornada, amais da volta aos bares como «mellor ambiente para o rocanrol, xuntando ambientes e públicos».

CONCELLO DE PONTEVEDRA

Coincidiu co concelleiro o promotor desta iniciativa, o pontevedrés Marcos Rivas, quen subliñou que «a música ten que estar nos bares», ao tempo que recordou que se trata de actuacións que teñen «o galego como requisito».

En canto, aos artistas programados, Demetrio Gómez destacou o feito de que, «dos catorce espectáculos, doce estarán realizados por artistas do país e dous por artistas portugueses», concretamente Duques do Precariado e Érika Machado.

Horarios e locais

Como ven sendo habitual, o Galegote non esquece aos máis pequenos e esta edición arrancará ás 12.30 horas no Mercado de Abastos co espectáculo infantil Contos nas verzas das artistas pontevedresas Cora Velasco e Sandra Ansín. Á mesma hora, pero no Tábula Rasa, Moucho tributaralle unha homenaxe a Dany Moure, un dos fundadores desta banda e que finou o pasado agosto, interpretando, entre outros, temas compostos polo pontevedrés.

Foto de archivo de Ataque Escampe
Foto de archivo de Ataque Escampe ALEJANDRA VERA

Neste mesmo espazo, pero ás 13 horas, subiranse ao escenario os marinenses Lacón sin Jrelos, mentres que, ás 13.30 horas, tocaralle a quenda a Caldo no Mercado. Posteriormente, dende ás 14 horas, Filloas estará na Nasa como prolegómeno dos concertos da tarde.

Estes comezarán ás 16.30 horas no Grifón con Debajodelapalmera & Rodrigo Valiente, mentres que, unha hora máis tarde, estarán Ataque Escampe no Mercado de Abastos. Ás 18.30 horas, Duendeneta Dilleis recala no Campiño de Santa María e Zeltia Irevire fai o propio no Diaño.

O Chirala é o espazo elexido para a actuación de Michu da Rocha (19.30 h.) e Sopa de Gallo asistirá á de Duques do Precariado (20.30 h.), mentres que Amoebo estará en La Verbena (21 h.) e hydn en La Pomada (22 h.). A lusa Érika Machado pechará o Galegote dende as 23 horas no The Groove House.