A Festa dos Maios imponse á choiva na contorna de Pontevedra

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Distintos concellos da comarca reviviron a tradición este primeiro de maio

02 may 2024 . Actualizado a las 13:03 h.

Como cada primeiro de maio, este mércores distintos concellos da comarca de Pontevedra reviviron a secular tradición da Festa dos Maios. E todo iso nunha xornada marcada polas persistentes choivas, que non impediron, en todo caso, que veciños e visitantes gozasen desta celebración, aínda que fose baixo cuberto.

Ramón Leiro

Así, ocorreu no caso da praza da Ferrería de Pontevedra, onde a media ducia de agrupacións que participaron puideron desenvolver as súas cántigas baixo unha carpa. A poeta Cynthia Menéndez foi a encargada de darlles a benvida, namentres que o xurado determinou que o Maio da Asociación Cultural de Campañó merecía os primeiros premios ao Maio, Cantigas e o Especial Maios, mentres que o do CEP de Campolongo acadaba o adicado á Interpretación; o do CEP Marcos da Portela, o premio á Coroa; e o de Figueirido o do Especial do Xurado.

Ramón Leiro

Tamén se tivo que habilitar unha carpa, neste caso con cambio de ubicación incluído, no caso de Poio. Así, en lugar de celebrarse na praza do Mosteiro, a ducia de Maios participantes desprazáronse ate A Seca, onde foron premiados Maiolo nas categorías de Conxunto, Maio e Coroa, Marepodim na de Barco, Vilariño na de Actuación e Pimpín na de Coplas.

CAPOTILLO

Ademais, por primeira vez, dispensouse unha homenaxe a un veciño pola súa implicación nesta festa. Así, rendeuse tributo a Francisco Lobajeira Pérez, de 81 anos e con domicilio en Arís, por ser unha das persoas que contribuíron, nas últimas décadas, a difundir, conservar e expandir a tradición dos Maios en Poio.

CONCELLO DE POIO

Xa pola tarde, e pendentes da climatoloxía, a Festa dos Maios desprazábase á praza da Chousa, en Combarro, coa colaboración do Ateneo Corredoira.

CAPOTILLO

En Caldas de Reis, pola súa banda, a cita trasladouse por mor do tempo á Tafona, onde o Maio Celta foi premiado ao mellor engalanado, mentres que a mellor copla recaeu en Teenagers Politiqueiros e a mellor interpretación en A Clave do 5. O Premio Especial de Participación foi para o Maio Esparteiro.

CONCELLO DE CALDAS DE REIS

Marín, Sanxenxo e Vilaboa

No caso de Marín, un total de nove Maios e sete Embarcacións participaron nesta cita organizada como ven sendo tradicional polo Ateneo Santa Cecilia. Se durante a mañá levouse a cabo unha exhibición na alameda, pola tarde desenvolveuse o concurso no multiusos da praza de Abastos en lugar da ubicación inicialmente elixida, a praza do Reloxo. Outro dos concellos que optou por celebrar a Festa dos Maios en horario de tarde foi o de Vilaboa cunha convocatoria no campo das festas de Bértola.

CONCELLO DE MARÍN

De igual xeito, o Círculo Cultural Deportivo de Sanxenxo ía celebrar tamén en horario vespertino o concurso exhibición na Cultural coa participación de catro Maios despois de que, por mor das previsións de choiva, decidisen suspender a exposición na praza Pascual Veiga.

CONCELLO DE CALDAS DE REIS

Pola contra, e sen saír do Concello de Sanxenxo, a Asociación de Veciños San Cristóbal de Portonovo mantivo a programación tal e como estaba inicialmente prevista ao organizar a Festa dos Maios na praza do Mercado desta localidade.