Luis López traslada a vontade da Deputación de Pontevedra de seguir colaborando coa Real Academia Galega
PONTEVEDRA
O mandatario provincial reuniuse con Víctor Freixanes e Fina Casalderrei, presidente e tesoureira da RAG
08 may 2024 . Actualizado a las 12:34 h.Nun encontro co presidente Víctor Freixanes e a tesoureira Fina Casalderrei da Real Academia Galega, Luis López, presidente da Deputación de Pontevedra, trasladoulles a vontade de seguir colaborando coa RAG, senda que ten como obxectivo avanzar na protección e difusión do galego. Neste eido, destacaron «o apoio a diferentes proxectos, moitos deles centrados na toponimia e na onomástica, así como a dar a coñecer a obra de autores que destacaron polos seus traballos feitos en galego».
Ao tempo, Luis López insistiulles na importancia que ten a normalización lingüística para a Administración provincial, algo que reflicten medidas como as relativas ás subvencións a entidades sen ánimo de lucro para promover publicacións en lingua galega.
De igual xeito, e segundo engadiron dende a Deputación de Pontevedra, a reunión serviu para abordar asuntos de interese mutuo e coñecer os proxectos que a RAG ten en marcha e os seus principais retos de futuro.