![](https://img.lavdg.com/sc/9vRkO6vGcVC7ghhOOsDQfJCSw4Q=/480x/2024/05/28/00121716907681364372295/Foto/P03M2718.jpg)
A Casa das Campás acolle este mércores a programación desta efeméride
29 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Con ocasión do 25 aniversario da inauguración en xullo de 1999 da Illa das Esculturas de Pontevedra, un espazo natural próximo ao centro da cidade no que realizaron as súas obras creadores como Richard Long, Dan Graham, Francisco Leiro..., este mércores desenvolverase na Casa das Campás unha sorte de homenaxe. Así, baixo o título de A Illa das Esculturas vinte e cinco anos despois, a Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega (CCG) xunta as persoas que botaron a andar este proxecto, como Antón Castro, con outros creadores e xestores para facer unha revisión do que foi este cuarto de século e das posibilidades de futuro.
Coordinada polo xornalista Ramón Rozas, a xornada rematará cunha mesa redonda na que participarán o propio comisario do proxecto artístico, Antón Castro, e Fernando Casás, un dos participantes na Illa das Esculturas, xunto coa artista Soledad Penalta e con Paula Cabaleiro, comisaria de exposicións e xestora cultural. «Esta mesa busca ampliar o foco do que supuxo a creación da Illa naquel momento a través da visión dunha creadora cunha linguaxe semellante á daquelas propostas e dunha xestora cultural con ampla experiencia no traballo con diferentes artistas e proxectos colectivos», destacaron dende o Consello da Cultura Galega.
Previamente, desenvolveranse distintas intervencións, entre elas a de Antón Castro, quen «explicará a súa xénese, a selección dos participantes e a interpretación conceptual das propostas», ou a do propio Ramón Rozas.