A Aula de Teatro Municipal de Pontevedra inicia unha xira por parroquias
PONTEVEDRA
A Casa da Cultura de Lérez acollerá esta tarde a representación de «Tiqtoqueiras»
08 jun 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Cunha actuación este sábado na Casa da Cultura de Lérez, a partires das 19.30 horas, a Aula de Teatro Municipal de Pontevedra comeza unha xira polas parroquias de Pontevedra para presentar o seu último espectáculo Tiqtoqueiras. Trátase dunha obra de creación propia que foi preestreada no Espazo Xove de Vilagarcía no mes de maio.
Á representación en Lérez seguirá o vindeiro 15 de xuño unha segunda no Centro Social dos Campos, en Mourente. Ámbalas actuacións son de entrada libre e gratuíta ata completar a capacidade dos recintos.
A peza, Tiqtoqueiras, está escrita polas propias intérpretes afeccionadas que integran o elenco, composto por quince actrices e un actor, con idades comprendidas entre os 25 e os 65 anos. Desde setembro elaboraron os textos, recibiron formación teatral de base e realizaron ensaios conxuntos, baixo a coordinación de Anxo Lourido, coa finalidade de poñer en marcha esta montaxe, destacaron desde o Concello de Pontevedra.
O resultado é unha obra que, ambientada nun manicomio virtual, «ofrece unha reflexión cómica sobre as diferentes teimas e dependencias que se derivan do uso permanente e enfermizo das redes sociais e do móbil».
Espectáculo adaptable
Unha das características deste espectáculo é a súa versatilidade, isto é, a súa capacidade para ser adaptado a diferentes espazos, ao tempo que ofrece humor, música festiva e crítica social durante unha hora de función. Cada sesión está «cargada de sorpresas e de personaxes singulares con moito seguimento dentro das fórmulas comunicativas actuais», de tal xeito que é unha proposta que mestura o tradicional co virtual combinando referencias a Rosalía de Castro e á cantante homónima interprete de Malamente, entre outros recoñecidos temas, «achegándose ás novas maneiras de comunicarse a través de Instagram, de TikTok ou de YouTube».
No que respecta á Aula de Teatro Municipal, destacaron o feito de que «é un espazo de formación teatral, dependente da concellería de Cultura do Concello de Pontevedra, polo que teñen pasado máis de 200 persoas para dar os seus primeiros pasos na escena. Bea Campos, Pía Nicoletti, Santi Cuquejo, a cantante Laura Cruxeiras ou o actor de dobraxe, Antonio Morillo, iniciaron a súa andaina artística na ATM».