Lérez Up quenta motores para abrir as súas portas esta fin de semana

La Voz PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

CONCELLO DE PONTEVEDRA

A feira da cultura friki, os videoxogos e o lecer alternativo celebrarase o 28 e 29 de setembro no Recinto Feiral de Pontevedra

27 sep 2024 . Actualizado a las 10:31 h.

Logo de reunir máis de 4000 fans dos videoxogos, a cultura xaponesa e o lecer alternativo o ano pasado, Lérez Up regresa a vindeira fin de semana cunha edición chea de novidades. O evento é un punto de encontro chave para a comunidade, ofrecendo experiencias únicas para todos os gustos: desde torneos e talleres, pasando por áreas temáticas e actividades inmersivas nas que divertirse.

Nun acto no establecemento Percalandia, colaborador do Lérez Up, a concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, lembrou este venres a importancia de seguir apoiando e visibilizando este tipo de iniciativas, lugares onde se xeran novos espazos de socialización e de promoción: «O Concello apoia e apoiará eventos desta clase, sendo o Lérez Up un espazo que amosou un impresionante crecemento ao longo dos últimos anos, e que xa está consolidado».

A edil agradeceulle o seu labor á asociación pontevedresa Gaming Troop, encargada da organización do evento, por seguir facendo do Recinto Feiral un punto de encontro para milleiros de persoas, amantes da cultura friqui.

Lérez Up mantén as súas zonas máis populares. Entre elas, a de consolas, onde haberá xogo libre e torneos como Mario Kart 8, Street Fighter 6, EA Sports FC24 e Switch Sports; ou a de PCs, que incluirá torneos de League of Legends e Valorant. Ademais, volve a Zona de Stands, con máis de 60 postos de artistas e comerciais, así como a Zona de descanso, equipada cunha variada oferta de postos de comida.

Este ano preséntanse dúas áreas temáticas novas: unha dedicada á épica saga de Star Wars, onde os asistentes poderán participar en duelos e crear o seu propio sable de luz; e outra área enfocada na cultura K-pop.

Ampliaranse tamén as zonas xa tradicionais: a Zona de xogos de mesa, que incluirá torneos de Warhammer; a Zona Card Games, que substituirá a anterior zona de Magic e agora inclúe xogos como Pokémon e Lorcana; e a Zona Fighting Games, que este ano non só acollerá o nacional de Smash Bros, senón que tamén integrará o torneo de Tekken 8, cun premio de 300 euros.

A zona dedicada aos xogos indies será o lugar onde os asistentes poderán descubrir as creacións de desenvolvedores independentes galegos.