
A partires das 18.30 horas, na praza das Palmeiras de Caldas de Reis vivirase un concerto moi especial. Un total de seis agrupacións de música tradicional que sumarán máis dun cento de intérpretes xuntaranse para tocar un repertorio co que redescubrir o valor cultural e etnográfico da cultura popular galega, destacaron dende o concello precisando que haberá gaitas, percusión, acordeóns, zanfonas ou pandeiretas, entre outros instrumentos.
Manuel Fariña, tenente de alcalde e concelleiro de Cultura, Manuel Fariña, engadiu que este evento «suporá a posta de largo do traballo que leva realizando durante todo o ano o alumnado da Escola de Instrumentos Tradicionais Suso Vaamonde de Caldas de Reis». Participarán tamén a Escola Municipal de Música e Baile Tradicional de Outes, a Aula Permanente de Música Tradicional do Campus de Pontevedra, a Asociación Cultural A Foliada, o grupo Hai que Roelo e Tequexetéldere, todos eles dirixidos por Suso Vaamonde.