«Ultramarinos Seoane», unha relectura da produción visual de Luis Seoane

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Ramón Leiro

A Facultade de Belas Artes de Pontevedra acolle a primeira exposición en España do artista chileno César Gabler

12 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Ata o vindeiro 22 de novembro, a Sala Universitaria Profesor Manuel Moldes da Facultade de Belas Artes de Pontevedra acollerá a mostra Ultramarinos Seoane coa que o «o artista chileno César Gabler propón unha relectura da produción visual de Luis Seoane, partindo dunha serie de aspectos vinculados ao exilio, as vangardas e a cultura popular». Esta exposición, coa que se inaugurou a programación do presente curso académico, foi desenvolvida especificamente para este espazo configurándose como a primeira mostra en España deste artista e docente da Universidade de Finis Terrae de Santiago de Chile.

Nono Bandera, comisario e profesor da facultade pontevedresa, destacou que a mostra se articula «a partir de cruces e asociacións arredor da obra» de Seoane afondando en «como certas ideas ou prácticas artísticas viaxan dun lugar a outro, adáptanse e transfórmanse».

Gabler, pola súa parte, indicou que conversas previas con Bandera levárono a afondar na figura e traxectoria de Seoane, tanto polo seu interese «pola relación entre a arte e a cultura popular», como por artistas que «traballaran en distintos medios». Neste punto, lembrou as «incursións de Seoane no deseño, co proxecto de Sargadelos, que era en certa medida unha forma de levar a cultura tradicional á modernidade».

Ramón Leiro

De igual modo, precisou que o feito de que Seoane fose fillo de emigrantes e nacese na Arxentina, país ao que tivo que retornar como exiliado, facía del unha figura idónea para un proxecto que aborda tamén «o intercambio cultural entre España e América do Sur».

De feito, estas conexións vense reflectidas á súa vez no título da mostra que, como engade Non Bandera, «non só fai mención ao azul de Seoane, senón tamén ao outro lado do mar» e a unha tenda na que atopar «algunha sorpresa inesperada».

O certo é que Ultramarinos Seoane presenta instalacións como Laboratorio de formas, que alude ao proxecto impulsado por Seoane e Díaz Pardo, como «unha sorte dunha nova Bauhaus», incidiu Gabler, que nos últimos anos protagonizou exposicións en Chile, Estados Unidos e Inglaterra. Engadiu que «unha cuestión que me pareceu moi interesante de Sargadelos é o rescate do local, da historia e das formas, pero poñéndoo en diálogo coa modernidade». Proba deste interese é a incorporación dunha representación do «deseño modernista» que Seoane realizou dun gaucho en No soy de aquí, ni soy de allá, un mural que alude «á idea de migración».

Neste mesmo espazo pódese gozar cun mosaico pictórico de setenta módulos Vidas paralelas, que conecta á obra do republicano Luis Seoane coa do «pintor franquista» Fernando Álvarez de Sotomayor, tamén galego. Este, indicou César Gabler, fóra director da Escuela de Arte de Chile e do Museo do Prado, chegando a «coincidir xeograficamente con Seoane» en 1947, cando coordinou unha exposición en Bos Aires, idea que Gabler traslada a unha peza na que conecta obras destes dous pintores e de José Gutiérrez Solana, participante naquela exposición, precisaron dende a Universidade de Vigo.